Estás aquí: Inicio » Deputados de En Marea doan parte do seu soldo á loita contra o coronavirus
Na xuntanza deste luns, a Coordinadora de En Marea acordamos contribuír cunha achega que sairá tanto dos nosos deputados como dos fondos da organización política.
Estas doazóns realizaranse por partes iguais, tanto á conta habilitada polo SERGAS como a outras organizacións que neste momento están traballando sobre o terreo para loitar contra a pandemia.
A pesares de tomar esta decisión, dende En Marea non renunciamos a manifestar publicamente que tanto para os estados de normalidade como para os de emerxencia, cómpre que o Estado dispoña de recursos suficientes obtidos de forma progresiva en función da capacidade económica de cada quen, é dicir, pola vía dos impostos.
Neste sentido, lembramos que En Marea foi a única forza política que presentou Proposicións de Lei para subir impostos, algo ao que non se atrevera nunca ningunha forza antes na oposición en Galicia.
Esas iniciativas destinábanse a subir os impostos a quen máis ten a través, por exemplo, do Imposto de Patrimonio, que foi rebaixado polo Partido Popular beneficiando ás 6.000 persoas máis ricas do país e perdendo de recadar varios millóns de euros anuais por ese cocepto.
Asimesmo, En Marea pediu tamén no Parlamento a derrogación da baixada do Imposto de Sucesións e á compra de segundas vivendas, entre outras. A todas elas, o Partido Popular votou en contra, renunciando -dun xeito que hoxe demostrase errado- a uns cartos que precisamos para coidar a saúde das máis vulnerables.