Estás aquí: Inicio » Demandamos unha comisión independente para avaliar a xestión do goberno de Feijoo da pandemia polo coronavirus
Vemos necesario cuestionar a xestión do goberno de Feijoo da crise sanitaria polo coronavirus, lembrando que pasado medio ano desde que se decretou o estado de alarma, Feijoo e o seu goberno seguen improvisando nas medidas a tomar.
Xa en marzo, mentres Feijoo saía a diario na TVG botando balóns, con cortinas de fumo e deixación de funcións, En Marea remitimos ao gabinete do presidente da Xunta un extenso documento co noso posicionamento e propostas concretas para facer fronte á crise sanitaria e social polo COVID-19, documento polo que nin obtivemos resposta por parte do Partido Popular.
Feijoo repite a mesma estratexia de sempre, pois incluso cando as competencias son súas, deriva as súas responsabilidades, xa sexa no goberno central, nos concellos ou en calquera administración que lle sirva para saír do paso sen comprometerse.
As últimas medidas anunciadas por Feijoo, como a prohibición de fumar pola rúa se non se garda a distancia de seguridade, para nós son unha cortina de fume para desviar a atención do verdadeiramente relevante, que é que o goberno da Xunta non está ofrecendo garantías no relativo á seguridade ante o covid.
Neste momento, a Xunta ten plenas competencias, polo que desde En Marea cuestionamos que a gran medida anunciada polo presidente da Xunta para frear o avance da pandemia en Galicia, sexa prohibir fumar nas rúas se non se garda a distancia de seguridade, mentres non teñen nada previsto para atallar os elevados contaxios na área sanitaria da Coruña, así como en relación ás persoas máis vulnerables como as persoas maiores usuarias de residencias ou centros de día, recursos que volven pechar como primeira medida ante os rebrotes, sen ofrecer ás familias e ás coidadoras ningunha alternativa.
Dende En Marea tamén sinalamos como irresponsabilidade por parte da Xunta a xestión da volta aos centros educativos, pois a escasos 20 días de que o alumnado volva ás aulas, nin profesorado, nin familias, nin estudantado teñen certeza de nada salvo o sinalado polo protocolo da Consellería de Educación segundo o cal todo seguirá igual, pois manterán a reteo de alumnado por aula e o máis preocupante, nin se manterán na aula as distancias físicas de seguridade, pois o citado protocolo indica que a separación non será dun metro (xa en por si insuficiente), senón de 32 cms. entre pupitres e 60 cms entre cadeiras. É inaudito que desde unha administración pública se poña en risco á poboación deste xeito.
Criticamos que o goberno da Xunta non traballe para reforzar a Atención Sanitaria de cara ao futuro en canto a recursos materiais e persoais, máxime tendo en conta o colapso que xa padece a Atención Primaria, situación que pronto se verá agravada cando empece a campaña de vacinación da gripe.
Amosamos a nosa preocupación pola xestión desta crise, que afecta a todos os ámbitos da sociedade sen excepción, ao ter que facerlle fronte baixo as directrices do goberno de Feijoo, polo que demandamos unha comisión independente para avaliar a xestión da pandemia e realizar propostas de actuación que palíen o avance da pandemia.