Estás aquí: Inicio » Demandamos un plan de emerxencia social á Xunta para atender aos colectivos máis vulnerables
Recuperando o lema deste 8 de marzo, “sen coidados non hai vida”, queremos enfatizar a necesidade de atender a quen coida e a quen precisa coidados, debéndose tomar medidas de acompañamento social e protección para evitar situacións de extrema gravidade.
O peche de centros de día (tanto de persoas maiores como con discapacidade), a suspensión de ingresos en centros residenciais para persoas maiores ou o peche de centros escolares foron decisións tomadas pola Xunta, ante as que non se aplicaron medidas de prevención e protección social de carácter urxente para paliar os efectos da cancelación destes servizos e non interromper, de xeito abrupto, a atención social de persoas vulnerables e a cobertura das súas necesidades básicas.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é de competencia municipal, pero Xunta e Deputacións teñen a obriga de asistir aos concellos, tanto a nivel técnico como material, polo que dende En Marea esiximos que esa asistencia sexa coordinada e inmediata, evitando situacións como as que se están dando en moitos concellos nas que as auxiliares non dispoñen das medidas de prevención para o contaxio e propagación do coronavirus. Para nós, deberían propoñerse servizos mínimos para minimizar riscos, suspendendo a axuda a domicilio de libre concurrencia (para persoas non dependentes), entregando o material de protección preciso ás auxiliares, equiparándoas ao persoal sanitario, e que estas entreguen nos domicilios folletos informativos oficiais con información básica (hixiene de mans, teléfonos de interese…).
O peche de centros de día pode provocar situacións de risco que non se están a resolver, como pode ser o caso de persoas sen rede de apoio familiar cunha dependencia moderada que, ao non acudir ao centro de día, non teñen garantida a alimentación e o aseo básicos durante este tempo.
Ante a falta de protocolos específicos e instrucións por parte da Xunta, dende En Marea propoñemos unha serie de directrices a aplicar, comezando pola creación dunha Mesa de Coordinación Sociosanitaria con todos os axentes implicados: Consellerías de Política Social e Sanidade, representación do persoal do SERGAS, de servizos sociais comunitarios e específicos, etc. para elaborar un plan de actuación de emerxencia social e dar cobertura ás persoas con especiais dificultades para paliar as dificultades do aillamento e o peche de centros e servizos.
Tamén demandamos o establecemento dun servizo de reparto de alimentos a domicilio, con especial atención ás persoas mais vulnerables que residen no medio rural, con maiores dificultades de mobilidade e desprazamento, e habilitar un teléfono específico de atención social para atender, coordinar e derivar as demandas de tipo social e urxente que se poidan presentar derivadas da situación de illamento.