Estás aquí: Inicio » Demandamos habilitar aloxamentos alternativos e velar pola protección laboral do persoal sanitario ante a pandemia polo coronavirus
Para nós é esencial ampliar as medidas acordadas tralo Consello da Xunta do pasado venres, 20 de marzo, polo que prantexamos unha batería de actuacións concretas e esenciais como realizar as probas de detección non só nas residencias, senón amplialas ao maior número de poboación posible, priorizando a profesionais sanitarios e de servizos sociais, de centros residenciais e ás traballadoras e traballadores en activo.
Esiximos habilitar aloxamentos para persoal sanitario ou de servizos sociais con positivo en coronavirus ou en contacto, para así reducir o risco de contaxio ás súas familias e a incidencia comunitaria e tamén demandamos incrementar os medios de protección e investir en recursos para as UCIs co obxectivo de conter o pico da pandemia de COVID-19. No mesmo senso, esiximos garantir a protección laboral do persoal sanitario, reclamando á Consellería, ao igual que o colectivo de “Enfermeiras en loita”, que en caso de ter que realizar contratacións para Unidades onde se atopen pacientes positivos nas probas de diagnose do COVID-19, eviten ofrecer días soltos e estes sexan de maior duración.
O Consello da Xunta aprobaba onte tamén unha ducia de decretos de nomeamento de varios altos cargos do Goberno autonómico, atopándose entre eles candidatos que ían nas listas para concorrer ás eleccións, agora adiadas. Entendemos que esa celeridade do goberno de Feijoo no recolocamento dos altos cargos da Xunta contrasta coa precariedade que manteñen nos contratos do persoal sanitario que loita contra o coronavirus.