Estás aquí: Inicio » Demandamos explicacións sobre a actuación do rei emérito e poñer no foco do debate o modelo de estado
O rei emérito, Juan Carlos I, xa non está en España. Para En Marea, “marchou empurrado polas sombras da corrupción”, polo que esiximos explicacións, pois “poñer terra de por medio non salvará nin á monarquía nin a Felipe VI”.
A monarquía non é só unha institución cuestionada socialmente dende hai tempo, senón que deixou de ser tamén hai tempo unha institución exemplar. O comunicado do rei emérito responde a unha actuación deleznable para tentar lavar a cara á monarquía e afastar dela as sospeitas de corrupción, cada vez máis evidentes, e os escándalos que protagoniza a familia.
Dende En Marea reclamamos a república como o camiño cara a defensa dos dereitos sociais, a plurinacionalidade, a reforma e o progreso.
Hoxe, en rolda de prensa, o presidente do goberno asegurou “o que se xulga non son as institucións, son as persoas” respaldando os pasos dados pola casa real, e insistindo en que “España precisa estabilidade e institucións robustas”.
Para nós, a mensaxe que está a trasladar o Goberno é de apoio ao pacto constitucional, é por tanto, de apoio á monarquía.
En España, mentres Juan Carlos I marcha ante as sospeitas de delitos de corrupción, evasión fiscal e branqueo de capitais que pesan sobre él, o rapeiro Valtonyc leva 800 días en Bélxica por cantar que o rei emérito é un ladrón. España non se merece unha monarquía imposta por un ditador nin cantantes perseguidos por denuncialo.
España debe aspirar a que ningún representante político o sexa por herdanza e que ningunha persoa sexa inviolable ante a lei e nese senso, criticamos que dende o goberno do estado non se tomou ningunha medida nesa liña.
Para En Marea, a xustiza debe ser igual para todos, e se o rei emérito quería despexar a sombra da corrupción, fuxir é a peor alternativa, e buscar os parabens do goberno ante esa decisión, tampouco é a mellor das opcións.
Ante esta sucesión de acontecementos, dende En Marea demandamos explicacións e que se poña o foco no debate sobre o modelo de estado, instando ás forzas políticas progresistas presentes no Congreso a promovelo, pois a Constitución, no seu artigo 168, permite indirectamente un referendo sobre a monarquía, para o que se precisa unha maioría de 3/5 do Congreso, podendo presentar a proposta calquera grupo parlamentar.