Despois de anos de inacción, o Partido Popular vota a favor da proposta de En Marea de descontaminación integral do lindano

Estás aquí: Inicio » Despois de anos de inacción, o Partido Popular vota a favor da proposta de En Marea de descontaminación integral do lindano

Despois de anos de inacción, o Partido Popular vota a favor da proposta de En Marea de descontaminación integral do lindano

O pleno da Cámara galega aprobou por unanimidade a iniciativa presentada por En Marea na que se solicita á Xunta de Galicia que actúe definitivamente contra a contaminación por lindano ampliando o estudo a zonas que puideran estar contaminadas.

A recente obra de saneamento realizada no lugar de Torneiros, no concello do Porriño, na que se atoparon restos de lindano, sacou á luz un problema grave de contaminación que acumula máis de 50 anos e ao que ningunha administración quixo facerlle fronte en profundidade, máis alá de medidas superficiais acometidas pola Xunta en 1999. A cuestión foi trasladada hoxe ao Parlamento de Galicia, onde o deputado Marcos Cal quixo coñecer que medidas vai tomar a Xunta para afrontar a descontaminación e recuperación das zonas afectadas.

“Nestes momentos, sobre os terreos previsiblemente contaminados, atópanse un parque, coñecido no Porriño como o Parque do Lindano, onde xogan nenos e nenas todos os dias e onde a veciñanza disfruta do seu tempo de lecer”, sinalou Cal, que tamén se lembrou na súa intervención das “vivendas sociais do lindano, onde viven preto de cen familias, así como un colexio, un instituto e diversos edificios da administración”. “E todo isto sen contar co lindano que se esparexeu por todos os arredores”, engadiu o parlamentario de En Marea.

Para En Marea as medidas preventivas, limitadas a evitar o consumo de auga procedente dos pozos da zona e evitar o consumo dos produtos da horta, non contrarrestan a exposición sufridas durante décadas ó lindano. Ademais, “nas últimas semanas as análises realizadas pola Consellería de Sanidade ofreceron altos valores de contaminación por lindano no Porriño, cen veces supereiores ás marxes de referencia”.

En consecuencia, o deputado instou á Xunta a ampliar as análises a outras zonas potencialmente contaminadas e a coordinarse coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para manter un control exhaustivo sobre as augas de dita conca. Asimesmo, considera urxente que a veciñanza afectada deixe de “enterarse pola prensa” das actuacións da administración.

Así, o texto aprobado por unanimidade foi o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar as seguinte medidas:

1. Rematar no máis breve prazo de tempo posible as prospeccións e recollida de mostras que comezarán nos vindeiros días nos solos contaminados por lindano no lugar de Contrasto.

2. Unha vez coñecidos os resultados do estudo e localizadas as zonas contaminadas realizar en colaboración co Concello un proxecto de descontaminación das zonas afectadas no primeiro trimestre deste ano. Este proxecto deberá comezar a executarse ao longo do ano 2018.

3. Continuar adoptando, en coordinación e colaboración co Concello do Porriño as medidas preventivas necesarias para evitar riscos para a saúde das persoas.

4. Realizar un estudo da presenza do lindano en todo o Concello do Porriño e na súa contorna, tendo en conta as achegas e colaboración das veciñas e veciños afectados.

5. Dirixirse ao Estado para solicitar colaboración e apoio económico para a localización e retirada do lindano.

6. Realizar as analíticas pertinentes á veciñanza que reside nos lugares onde se confirme a presenza de residuos tóxicos que superen os valores máximos permitidos.

7. Colaborar coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e co Concello do Porriño para garantir o abastecemento inmediato de auga á poboación afectada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three + 1 =

X