A Coordinadora de En Marea fai públicas as seguintes consideracións a respecto de manifestacións aos medios de algunhas persoas que están a cuestionar as políticas levadas polos órganos nacionais de EM:
1. Dende o Consello (elixido directamente polas inscritas) e a Coordinadora estanse aplicando escrupulosamente as directrices aprobadas polos Plenarios de EM
2. O espazo nacional de EM non interfire nin na promoción nin no funcionamento de ningún espazo local, sendo o seu papel de respecto absoluto ao que decidan as mareas locais libremente e só mediando, se fose preciso, a petición das partes. Esta é a función prevista para os órganos de dirección de EM, segundo os documentos aprobados no Plenario de xullo de 2017, que establecen que: “cando se dean situacións de ruptura no marco das forzas confluentes, corresponde ao electorado local definir a correlación de forzas entre os proxectos existentes. En ningún caso En Marea actuará como árbitro, máis aló da necesaria mediación cando sexa requirida para iso co fin de favorecer a resolución do conflito”.
3. En situacións como a descrita, EM mantén relacións cordiais e de colaboración cos diferentes espazos de traballo municipais, na medida en que eles mesmos o demanden. A presenza de deputadas/os ou outros responsables orgánicos e institucionais de EM se restrinxe ao requirimento que os propios espazos fagan, no uso da súa soberanía política.
4. Seguindo as teses políticas aprobadas no último Plenario, EM estreita lazos de colaboración con aquelas mareas que soberanamente o deciden, nunha estratexia de cooperación entre iguais para poñer en común experiencias, proxectos e recursos de cara ás eleccións municipais de 2019. O acto de Pontevedra do xoves pasado, onde se deron cita representantes de dez mareas da ría, é unha mostra dese traballo en común que terá continuidade nas vindeiras semanas.
5. EM nace en Vigo para superar a coalición de partidos e promover un espazo soberano de adscrición individual, onde a decisión a teñan as persoas inscritas, e non as cúpulas dos partidos, que pretenden decidir incluso o nome co que as mareas concorren ás eleccións a 600 quilómetros de distancia. Para nós esta superado o formato de coalición que só beneficia a aqueles que buscan un reparto de postos entre cúpulas e negan o poder de decisión ás persoas que participan tanto nas mareas municipalistas como en En Marea.
Hai Marea!