Estás aquí: Inicio » COMUNICADO DA ÁREA DE FEMINISMO DE EN MAREA CO GALLO DO DÍA INTERNACIONAL DO DEREITO AO ABORTO
Santiago, 27 de setembro de 2017. Desde a área de feminismo de En Marea apoiamos a campaña do 28 de setembro “As mulleres deciden!”co gallo da celebración do Día Internacional do dereito ao aborto, ao entender que o acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto ten que recoñecerse de xeito efectivo e aplicarse en todo o mundo.
O 28 de setembro é unha data emblemática desde 1990, cando o movemento de saúde de mulleres en América Latina lanzou unha campaña para pedir o acceso seguro ao aborto. Desde aquela, cada vez máis rexións e países se uniron á celebración dun día para seguir reivindicando o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos e ó acceso á saúde reprodutiva de forma legal e segura.
Os dereitos sexuais e reprodutivos, entre eles a Interrupción Voluntaria do Embarazo, son dereitos humáns internacionalmente recoñecidos polas Nacións Unidas nas Conferencias do Cairo (1994) e Beijing (1995). O Consello de Europa, xa no ano 2008, instaba aos estados membros a que garantan que a interrupción do embarazo sexa unha práctica accesible e segura. A realidade é que, a día de hoxe, isto segue sen cumprirse en múltiples lugares, o que provoca, entre outras cousas, que moitas mulleres morran a causa de abortos inseguros.
Na área de feminismo de En Marea entendemos que os poderes públicos deben garantir o dereito das mulleres a ter control respecto da súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, e a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade. O contrario supón unha vulneración grave deses dereitos e un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres.
Por elo, desde a área de feminismo apoiamos que ningunha muller sexa forzada a unha maternidade non desexada. O dereito a decidir supón o recoñecemento das mulleres como persoas autónomas, responsables, libres… para tomar asdecisións que lles atinxen.
Por estes e outros moitos motivos, desde a área de feminismo de En Marea emprazamos á tódalas persoas a acudir ás concentracións e actos que se celebrarán o xoves, 28 de setembro, en diversas localidade de Galicia, baixo o lema “AS MULLERES DECIDEN!”