Estás aquí: Inicio » Comunicado ante os 40 anos da Constitución
O 40 aniversario da Constitución española chega no medio dunha convulsión social e política que amosa que a Carta Magna non é quen de dar resposta ás lexítimas expectativas do noso tempo, e que dificulta que os dous terzos da cidadanía que non puido votala se sintan protagonistas dos seus contidos.
Para empezar, a igualdade entre mulleres e homes é un ben social de conquista lenta e que debe cristalizar na Constitución de forma actualizada, para evitar tentacións de volta atrás, como a que estes días propoñen forzas de extrema dereita de afianzamento do patriarcado.
En clave democrática, ninguén entende hoxe que a xefatura do Estado non sexa electiva. A república como forma de Estado é unha esixencia democrática básica e irrenunciable, que nos fai iguais como cidadáns e nos libera da condicións de súbditas dunha familia que non dubidou en aproveitarse da súa posición privilexiada para roubar e avergoñarnos colectivamente.
En clave social, durante este tempo foron papel mollado as declaracións de dereitos sociais básicos como a vivenda digna ou o traballo suficientemente remunerado. Cómpre converter estas declaracións en verdadeiros dereitos que obriguen aos poderes públicos a satisfacer estas necesidades. Existe consenso ademais en recoñecer novos dereitos: o dereito a un mínimo de enerxía dispoñible en cada fogar, o acceso á auga ou a unha renda mínima vital para evitar as escandalosas cifras de risco de pobreza ou exclusión social actuais.
En clave nacional, cómpre o pleno recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, e reformas estruturais que permitan ás nacións que o integramos expresar democraticamente de que forma queremos organizarnos politicamente e relacionarnos co conxunto do Estado, e este debe facer reformas profundas en todas as institucións que dean encaixe á vontade que exprese a cidadanía, á que lle hai que consultar.
A relación entre dereitos sociais e decisións económicas é evidente, e unha constitución democrática debera velar porque goberno e parlamento teñan a última palabra fronte decisións económicas que condicionan a vida da xente: non poden ser o Banco Mundial, o FMI ou a Comisión Europea, senón o Parlamento quen debe decidir se é prioritario pagar as pensións ou a sanidade, ou a débeda aos bancos alemáns.
Un Estado moderno debe finalmente garantir a laicidade e rematar por tanto cos privilexios financeiros e de difusión da doutrina no sistema de ensino público da Igrexa Católica e de calquera confesión relixiosa.
Non se trata de retoques. Trátase da aposta por unha deliberación social colectiva que nos leve a uns procesos constituíntes onde sentemos as bases dunha convivencia asentada na participación democrática das propostas, na igualdade e na adaptación á realidade social do noso tempo.