Estás aquí: Inicio » Código Ético

Código Ético

Este é o documento de Código Ético que foi aprobado na Marea Constituínte do 30 de xullo en Vigo. Foi elaborado a partir do consenso entre as diversas achegas e parte da base do traballo das Mareas en Común.

Este documento de Código Ético recolle as prácticas e comportamentos que resultarán de obrigado cumprimento para as persoas que exerzan a representación do Espazo de Confluencia, sexan electas, persoal eventual ou altos cargos.

Este Código aplicarase, por regra xeral, á totalidade do corpo político que represente ao espazo, comprometido a responder ante o suxeito baixo os termos aquí definidos polo que, cando se fala de revogación, cese ou renuncia voluntaria, refírese estritamente no rango político, sen interferir, en ningún caso, no ámbito legal e vixente na material de contratación.

Procuramos con esta proposta unha base común para o comportamento ético das persoas que ocupen calquera posto de responsabilidade nas institucións e dentro da propia organización política que garanta a unidade do proceso, o respecto absoluto pola pluralidade do suxeito e o sentir diverso das persoas que habitamos este espazo.

Con este conxunto de boas prácticas, preténdese asegurar a democratización da representación política, fomentar a transparencia tanto no relativo aos recursos da organización coma na situación das representantes, dotarse de mecanismos axeitados de control do gasto, do financiamento e da xestión do gasto electoral.

Preténdese tamén evitar que a política se converta nunha profesión, regulando unha serie de incompatibilidades, limitando salarios e cargos e renunciando a todo tipo de privilexios, así como establecendo mecanismos de loita contra a corrupción.

Ademais, recóllense diferentes compromisos que as representantes deberán acatar, como o compromiso coa igualdade, coa lingua e coa cultura galega, coa natureza e co coñecemento libre.

Dada a natureza do Código Ético, prevese que en numerosos aspectos sexa necesario o seu desenvolvemento e concreción por normas propias da organización, coma o Regulamento, Organización Interna, Forma de Goberno ou a Carta Financeira, dentro do marco da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Ademáis, prevese a creación dun Comité de Ética e Garantías que vele polo efectivo cumprimento das normas que se conteñen neste Código e máis no Regulamento, por parte dos representantes.

1. Democratización da representación política


1.1 Compromiso ético e político das persoas representantes

O compromiso das persoas representantes é exercer a representación do corpo elector segundo os principios de lealdade, eficiencia e transparencia, de acordo con este Código Ético e coas funcións encomendadas na lexislación vixente, no caso de ocupar responsabilidades institucionais ou de goberno.

As e os representantes, sexan cargos electos orgánicos ou institucionais, actuarán sempre no nome do proceso de confluencia e só do proceso de confluencia, en ningún caso representando intereses diferentes. Este compromiso estenderase ás e os representantes de designación política e voceiras/os dentro da organización (consonte á condición de espazo de representación individual).

As e os representantes defenderán publicamente o proxecto político, desenvolvendo os principios básicos e o programa, sen poder apelar á obxección de conciencia na aplicación das medidas que se comprometan na campaña electoral e nos documentos que consoliden o proxecto, entre eles, o propio Código Ético da organización.

As e os representantes actuarán segundo os principios de igualdade, horizontalidade e transversalidade, fomentando o funcionamento colexiado, o traballo colaborativo, a escoita activa e o debate de ideas. Promoverán a arbitraxe e o consenso na toma de decisións nos diferentes espazos de representación e participación.

A laicidade será un principio reitor da acción ética no exercicio das funcións propias que implica o cargo público. Ningún tipo de manifestación relixiosa terá cabida na representación institucional.

As representantes políticas traballarán a prol do desenvolvemento do sistema aconfesional, á procura dunha separación real entre o estado e a igrexa.

As e os representantes comprométense ao respecto e defensa dos dereitos laborais e sindicais en relación ás persoas que desenvolvan tarefas profesionais no seu ámbito de xestión e responsabilidade.

1.2 Garantía do principio de obediencia na representación

A obediencia na representación garantirase mediante a creación, desenvolvemento e aplicación de mecanismos de participación e de rendición de contas.

Fomentarase o desenvolvemento de ferramentas de participación cidadá nos diversos espazos de representación política, de xeito que as políticas respondan aos desexos e necesidades da cidadanía, artellando fórmulas de intervención e consulta cidadá nos debates orzamentarios e lexislativos sobre os temas estratéxicos.

Desenvolveranse mecanismos de rendición de contas nos que as e os representantes políticos se someterán ao control directo da cidadanía, sen menoscabo das ferramentas que contemple a lexislación.

A nivel de organización política as e os representantes someteranse ante o suxeito político e ante o corpo elector, ás diferentes escalas e nos diversos espazos de representación, segundo se defina nos documentos de Forma de Goberno e Organización interna.

1.3 Habilitación de mecanismos de cesamento e revogación

Habilitaranse mecanismos de cesamento e revogación dos cargos con responsabilidade institucional de acordo coa lexislación vixente e dos seus procedementos. Estableceranse no documento de Forma de Goberno e serán desenvolvidos no Regulamento da organización.

Habilitaranse mecanismos de cesamento e revogación dos cargos con responsabilidade orgánica nos diversos espazos de representación política dentro da estructura da organización.

Seguirán os procedementos que se especifiquen nos documentos de Organización Interna, a desenvolver no futuro Regulamento.

Os procedementos de revogación aplicaranse no caso de non producirse a dimisión voluntaria do cargo, nos supostos de violación dos principios éticos e políticos. Censurarase o desleixo de funcións e a xestión neglixente, sempre baixo un procedemento debidamente normalizado. No regulamento da organización estableceranse mecanismos de garantías e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos ou orgánicos.

Constituirase un Comité de Ética e Garantías coa función de velar polo cumprimento do Regulamento da organización e do propio Código Ético, que actuará a instancia de parte e exercerá o labor de control e transparencia dos procesos de revogación.

1.4 Mecanismos para evitar as denominadas “portas xiratorias”

As persoas que ocupen cargos con responsabilidade comprométense a non favorecer, de xeito arbitrario ou interesado, ás empresas, sociedades ou sectores dos que proveñen, de ser o caso. A contratación con esas empresas ou sociedades deberá rexirse, en todo caso, polo estipulado neste Código Ético e mais polos procedementos habituais de contratación e concurso públicos.

Publicarase a situación profesional das persoas con cargo durante os tres anos posteriores ao abandono das súas responsabilidades.

No marco do disposto na lei 1/2016, durante os cinco anos seguintes á data do seu cesamento, os altos cargos non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do seu cargo.

Quedarán exceptuadas do disposto no punto anterior aquelas persoas que se reincorporen a entidades privadas nas cales xa exercesen con anterioridade a ocupar o posto de alto cargo, sempre e cando as actividades que vaian desempeñar nela sexa en postos de traballo que non estean directamente relacionados coas competencias do cargo publico ocupado nin poidan adoptar competencias do cargo público desempeñado.

O Comité de Ética e Garantías establecerá os mecanismos precisos para velar polo cumprimento deste precepto.

Os cargos políticos comprométense a non prestar servizos para empresas creadas ou reguladas en virtude do seu cargo durante un prazo mínimo de cinco anos desde o cesamento no cargo público.

Comprométense, igualmente, a non prestar servizos durante os dez anos posteriores ao cesamento nos seus consellos de administración.

1.5 Garantía da transparencia das nosas representantes

Os cargos institucionais e representantes orgánicos atenderán os compromisos de transparencia que establece este Código Ético, e os que se desenvolvan nos restantes documentos para os diversos espazos de representación política, sen menoscabo das obrigas que determine a lexislación vixente nesta materia.

Os cargos electos, así coma o persoal eventual e os cargos de designación política, farán públicas as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio, desde a toma de posesión e cunha periodicidade anual. Este compromiso estenderase durante 3 anos despois do abandono, calquera que fose a causa, das súas responsabilidades. No caso das declaracións de bens precisarase a porcentaxe da titularidade dos bens. Publicarase tamén a identidade das outras cotitulares e o vínculo que as une, sempre que medie expreso consentimendo das persoas afectadas.

Serán de coñecemento das persoas inscritas no censo da organización, polo procedemento que se estime, os ingresos salariais, rendementos patrimoniais e os antecedentes laborais ou profesionais dos 5 anos anteriores, indicando, no seu caso, a empresa, administración ou entidade na que prestaron servizos, así coma os cargos que ostenten as persoas candidatas en colectivos ou entidades de carácter político, sindical, social e cultural.

2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos


2.1 Criterios e prácticas de transparencia no financiamento e na xestión dos gastos

Promoverase a transparencia en materia de financiamento e xestión de gastos, tanto a nivel de representación institucional coma de organización política.

Toda a cidadanía poderá coñecer periodicamente todos os ingresos e gastos da organización, estea na oposición ou teña responsabilidades de goberno. O balance de ingresos e gastos publicarase cunha periodicidade trimestral na páxina web da organización política.

Publicarase tamén na páxina web a procedencia dos recursos e achegas, así coma o balance de ingresos e gastos das campañas electorais ás que concorra a organización.

Consonte a esa transparencia, faranse públicos a través da páxina web, nos órganos que corresponda, os criterios de competencia, mérito e capacidade, tidos en conta para a contratación do persoal eventual, de confianza ou altos cargos.

Publicaranse os ingresos e gastos do grupo parlamentario, con balance trimestral.

Publicaranse todas as contratacións públicas e os criterios de contratación.

O grupo e as persoas saíntes colaborarán no traspaso de información e coñecementos, de xeito que se garanta unha axeitada renovación, seguindo un protocolo acordado.

2.2 Xestión do financiamento e o control dos gastos dentro da organización

A xestión dos recursos e control de gastos rexerase polos principios de eficiencia, transparencia e sustentabilidade, acorde coa lexislación vixente e tendo en conta os principios básicos da organización.

Redactarase unha Carta Financeira onde se establezan as condicións de financiamento, o reparto dos recursos e a fixación de salarios das persoas que realicen traballo por conta allea a cargo da organización, baixo a condición de “caixa única” e conforme aos criterios de equidade, suficiencia, estabilidade e corresponsabilidade. Esta Carta Financeira será consensuada dentro da organización, referendada mediante o procedemento que se estime e posta a disposición pública. En todo caso, publicarase na páxina web da organización.

A condición de “caixa única” determina que os recursos cos que se dote a organización e os seus gastos corresponden á totalidade, sen cotas de reparto.

O financiamento farase, principalmente, a través dos recursos públicos en función da representación obtida nas eleccións, en aplicación da lexislación vixente, para garantir a independencia política.

Poderá tamén financiarse con recursos privados, preferentemente a través de achegas da cidadanía. Fomentarase o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.

Aceptaranse doazóns privadas e créditos bancarios, en todo caso, sen menoscabo da independencia política, segundo as limitacións que estableza a lexislación vixente en materia de financiamento de partidos e as que se estipulan neste código ético, a saber:

  • Os recursos privados contribuirán, xustificadamente, ao aumento da capacidade da organización para o desenvolvemento do programa político e dos principios básicos da organización.
  • Os recursos empregaranse para fins concretos, nos que sexa posible unha cuantificación, valoración e aprobación.
  • En todo caso, a organización e a candidatura apostará, de conformidade coa lexislación de aplicación, pola banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.
  • Renunciarase a doazóns ou créditos que procedan de entidades que utilicen recursos de procedencia incerta, cun funcionamento pouco transparente ou con obxectivos claramente opostos aos do proceso.

2.3 Financiamento e control dos gastos na administración pública

A xestión na administración pública rexerase polo principio de efectividade prestacional de forma que, en ningún caso, se reduzan os servizos públicos. Limitarase a externalización de servizos e optimizaranse os cargos de designación política e personal de confianza, procurando aumentar a capacidade da administración pública e a democratización das institucións.

Velarase pola independencia e transparencia dos órganos públicos de fiscalización e control interno das contas públicas.

Os recursos públicos destinados a cubrir os gastos dos cargos electos e de designación política non se empregarán para o financiamento da organización, agás o estipulado e consensuado na Carta Financeira e de conformidade co que establezan as condicións da lexislación en material de financiamento de partidos politicos

2.4 Principios de responsabilidade

Establecerase a condición de corresponsabilidade, implicando ao conxunto da organización, tanto a nivel individual como colectivo, no cumplimento dos principios e condicións que se establecen neste Código ético e na Carta Financeira.

Estableceranse mecanismos de control interno como auditorías e comisións de investigación, sen menoscabo dos instrumentos que estableza a lexislación vixente en materia de financiamento.

O Comité Ético actuará no caso de incumprimento da Carta Financeira segundo os mecanismos de control interno que se establezan.

2.5 Principios rectores da xestión do gasto electoral

O gasto electoral rexerase polos principios de transparencia, eficiencia, sustentabilidade, de acordo cos límites e condicións que estableza a lexislación vixente en materia de financiamento electoral.

A campaña financiarase preferentemente coas achegas económicas das persoas físicas. Aceptaranse achegas das persoas xurídicas, prioritariamente as procedentes de entidades de carácter social, así como as dos partidos políticos que conflúan. Estes procurarán achegar as cantidades que a súa capacidade lles permita, aínda que tales contribucións non outorgarán dereitos políticos.

Renunciarase a aquelas doazóns ou créditos que poidan coartar a independencia política do proxecto. Tamén no caso de proceder de entidades que empreguen recursos de procedencia incerta, cun funcionamento pouco transparente ou con obxectivos claramente opostos aos do proceso.

No caso de necesitar financiamento externo, recorrerase a entidades de banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

Manterase un nivel baixo dentro do teito legal establecido, sempre en comparación coas restantes forzas políticas, facendo uso das redes sociais e medios telemáticos e coa procura de mecanismos participativos e creativos na publicidade do proxecto e da candidatura.

A campaña afastarase da política espectáculo, dos grandes eventos baleiros de contido e da propaganda trivial. Comprometémonos cunha campaña electoral baseada nas propostas políticas, nos argumentos e nas ideas.

3. Non profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción


3.1 Incompatibilidades das representantes

As incompatibilidades establécense na procura de evitar unha acumulación de poderes, garantir a eficiencia nas funcións encomendadas e fortalecer a pluralidade e cohesión do proxecto, de modo que os cargos representen o proceso de confluencia e non as partes que a constitúen.

Porén, dada a complexidade do escenario político actual, así como a pluralidade do suxeito e da proposta política, pensada en chave de confluencia e unidade popular e xa de por si complexa e múltiple na súa composición poderán establecerse ámbitos de excepcionalidade en función da responsabilidade dos cargos e alcance territorial.

En todo caso, as persoas electas, o persoal de confianza e os cargos institucionais, son incompatibles do desempeño de altos cargos representativos nas organizacións políticas e sindicais, tanto a nivel nacional como provincial, diferentes á propia Marea.

Non poderán ser cargos electos ou de designación política aquelas persoas que incorran nun conflito de intereses entre as súas responsabilidades públicas e a súa actividade profesional, calquera que esta fose.

A condición de cargo público é incompatible con calquera outra responsabilidade nas Administracións Públicas, agás aquelas que sexan inherentes á propia condición de membro do parlamento ou do goberno.

Corresponderá ao Comité Ético e de Garantías o control e valoración das incompatibilidades dos cargos institucionais e orgánicos, segundo os criterios que se establecen neste Código Ético. No documento de Organización Interna, determínanse o resto de incompatibilidades á procura dun control na acumulación de cargos orgánicos, que afectará á responsabilidade política por cargo vinculado ás comisións de traballo funcionais, sectoriais ou territoriais.

3.2 Non profesionalización da política

Para evitar a profesionalización da política, establecerase unha limitación de permanencia nos cargos públicos a dúas lexislaturas segundo o establecido no epígrafe 3.5.

Asemade, establecerase a condición de limitación de salario, especificando os topes salariais, que se publicarán con anterioridade a cada proceso electoral na Carta Financieira, conforme ao epígrafe 3.3.

Os salarios fixaranse en función da proporcionalidade entre cargos públicos medidos pola súa responsabilidade institucional.

Establécese como criterio xeral o principio de “unha persoa un cargo”. Esta limitación afectará, en todo caso, aos cargos institucionais con adicación exclusiva.

As representantes non poderán ocupar máis dun cargo político na Administración, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como cargos electos ou de designación política. Cando así sexa, non acumularán remuneracións agás que o cargo implique desenvolvemento de tarefas adicionais ou asunción de novas responsabilidades. Quedan tamén excluídas desta limitación as dietas e gastos de natureza compensatoria ou de indemnización que poidan corresponder de acordo coa normativa de aplicación.

3.2 Non profesionalización da política

Para evitar a profesionalización da política, establecerase unha limitación de permanencia nos cargos públicos a dúas lexislaturas segundo o establecido no epígrafe 3.5.

Asemade, establecerase a condición de limitación de salario, especificando os topes salariais, que se publicarán con anterioridade a cada proceso electoral na Carta Financieira, conforme ao epígrafe 3.3.

Os salarios fixaranse en función da proporcionalidade entre cargos públicos medidos pola súa responsabilidade institucional.

Establécese como criterio xeral o principio de “unha persoa un cargo”. Esta limitación afectará, en todo caso, aos cargos institucionais con adicación exclusiva.

As representantes non poderán ocupar máis dun cargo político na Administración, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como cargos electos ou de designación política. Cando así sexa, non acumularán remuneracións agás que o cargo implique desenvolvemento de tarefas adicionais ou asunción de novas responsabilidades. Quedan tamén excluídas desta limitación as dietas e gastos de natureza compensatoria ou de indemnización que poidan corresponder de acordo coa normativa de aplicación.

3.3 Fixación e xustificación das retribucións

No caso de postos remunerados cuxo salario non veña predeterminado legalmente, sexan de adicación exclusiva ou non, as retribucións fixaranse en función do nivel de competencia e adicación, tomando como referencia a renda per capita media da comunidade e cos límites establecidos na Carta Financieira, asegurando que a asignación económica lles permita cumprir de xeito eficaz e digna a súa función.

Contemplarase o dereito a percibir axudas para sufragar os gastos que sexan indispensables para o cumprimento da función encomendada, sempre que se xustifiquen adecuadamente.

3.4 Renuncia a privilexios, agasallos e tratos de favor

En todo caso renunciarase a privilexios, agasallos e tratos de favor, incluído o aforamento ou calquera outro privilexio procesal.

Os cargos electos e altos cargos renunciarán, expresamente, a aquelas retribucións ou prestacións complementarias que, con posterioridade ao seu cese, poidan derivarse do desempeño de tales postos, sen perxuizo de que podan percibir as remuneracións que se estipulen legalmente no exercicio das funcións institucionais, protocolarias e consultivas vinculadas ao seu cargo, retribucións que poderán ser limitadas na Carta Financeira da organización.

Os nosos cargos electos, persoal contratado e de confianza, renunciarán á recepción de obsequios ou privilexios materiais coa excepción daqueles que cumpran unha función puramente protocolaria. A aceptación de agasallos persoais, tratos de favor e o consentimento de privilexios sociais, poderá ser motivo de revogación.

A devolución de agasallos non protocolarios á súa procedencia quedará debidamente acreditada no rexistro correspondente e farase pública, de acordo co procedemento e prazos do código ético e de transparencia, no marco da lexislación vixente.

3.5 Límite do mandato

O mandato limítase a oito anos ou ao equivalente a dúas lexislaturas completas, tanto alternas como consecutivas. Non debe ser ampliable.

3.6 Supostos de renuncia ou dimisión das persoas electas, de confianza e persoal directivo

As persoas electas, así coma o persoal de confianza e os altos cargos, non disporán nin terán disposto, en ningún caso, de contas bancarias ou intereses económicos en paraísos fiscais, circunstancia que será motivo de renuncia ao cargo.

Deben renunciar de forma inmediata de todos os cargos as persoas contra as que se dite auto de apertura de xuízo oral, no caso de feitos delituosos relacionados coa corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos.

En análogas circunstancias renunciarán, no caso de feitos delictivos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os Dereitos Humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

Non será causa de dimisión ou cesamento a investigación nin a imputación formal que resulte dunha actuación política expresa e previamente autorizada polo grupo; tampouco as investigacións ou imputacións formais nos actos de insubmisión política contra os recortes sociais.

3.6 Supostos de renuncia ou dimisión das persoas electas, de confianza e persoal directivo

As persoas electas, así coma o persoal de confianza e os altos cargos, non disporán nin terán disposto, en ningún caso, de contas bancarias ou intereses económicos en paraísos fiscais, circunstancia que será motivo de renuncia ao cargo.

Deben renunciar de forma inmediata de todos os cargos as persoas contra as que se dite auto de apertura de xuízo oral, no caso de feitos delituosos relacionados coa corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos.

En análogas circunstancias renunciarán, no caso de feitos delictivos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os Dereitos Humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

Non será causa de dimisión ou cesamento a investigación nin a imputación formal que resulte dunha actuación política expresa e previamente autorizada polo grupo; tampouco as investigacións ou imputacións formais nos actos de insubmisión política contra os recortes sociais.

3.7 Control do absentismo ou abandono das obrigas do cargo

Estableceranse mecanismos e protocolos internos que regulen as obrigas de cada cargo, ferramentas que quedarán reflectidas no futuro Regulamento da organización.

É o Comité Ético e de Garantías o órgano, a instancia de parte, ao que lle corresponde actuar nos casos de absentismo laboral e desleixo de funcións, dacordo co Regulamento interno da organización e segundo os mecanismos que se desenvolvan.

3.8 Compromiso coa formación para garantir o cumprimento dos nosos principios e programas

As persoas que representan o proxecto político comprometeranse na formación nos temas que abranguen os nosos principios e programas, nomeadamente nos asuntos estratéxicos, nos eidos territorial, ambiental e social.

Comprometeranse a formarse específicamente nas cuestións relativas á igualdade de xénero e feminización, sustentabilidade e economía social.

A feminización plantéxase como cuestión primordial e transversal na acción parlamentaria e de goberno e atinxe tanto a comprensión do movemento feminista, como a un coñecemento profundo da lexislación vixente.

4. Compromiso coa Igualdade


4.1 Obrigas das nosas representantes para fomentar a igualdade en tódolos ámbitos

As representantes implicaranse en promover a igualdade no exercicio das súas funcións, combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de xénero ou orientación sexual, así como en favorecer a participación política das mulleres e das persoas con diversidade cultural, funcional e afectivo ­ sexual.

Calquera manifestación, comportamento ou actitude machista serán motivo de revogación inmediata do posto, tanto dos cargos electos como do persoal de confianza. Provocarán tamén a revogación: manifestacións, comportamentos ou actitudes LGTBIfóbicas, racistas ou calquera outra que implique discriminación por razón social ou cultural. Incorporar a perspectiva de xénero na planificación, debate e execución das iniciativas e políticas que desenvolvan no ámbito das súas responsabilidades.

As representantes comprometeranse a outorgar como prioridade máxima na súa actuación a defensa da dignidade das persoas, por diante de calquera outro interese, de acordo cos valores cívicos e democráticos, os Dereitos Humanos e a Cultura da Paz.

As representantes e cargos políticos nas institucións, así como as representantes nos espazos orgánicos, comprometeranse a utilizar unha linguaxe inclusiva en todas as intervencións, escritas e orais.

4.2 Facilitación da participación das mulleres

Consonte ao compromiso coa feminización da política, promoverase que nas candidaturas figuren máis mulleres ca homes. Canto menos, garantizaranse listas paritarias en cremalleira.

No exercicio da función pública, goberno e administración, como tamén nos espazos orgánicos, comprometémonos a promover medidas de acción positiva que favorezan a feminización.

Desevolveranse programas específicos para a participación das mulleres nos diversos espazos de representación política, garantindo a súa presencia, voz e voto.

Facilitarase a conciliación da vida familiar coa participación nos espazos de debate e decisión política, mediante o desenvolvemento de ferramentas telemáticas e coa habilitación de recursos para a atención e os coidados dos cativos e das persoas dependentes.

Fomentarase a aplicación de metodoloxías de participación e o emprego de recursos de facilitación, ferramentas necesarias para garantir a intervención das mulleres no debate político e na toma de decisións.

5. Compromiso coa lingua galega


O galego é o idioma propio do país, expresión da nosa identidade como pobo. Como tal, a nosa lingua será a protagonista en tódolos ámbitos.

Os cargos electos responsabilizaranse de coñecer a lingua galega e comprometeranse a empregala de maneira exclusiva, tanto oral como escrita, nas súas intervencións públicas, sexa a nivel institucional como nos espazos orgánicos.

En cumprimento dos principios básicos, os representantes políticos comprometeranse ao fomento da nosa lingua e da nosa cultura no desenvolvemento do programa político no que atinxe ás políticas relacionadas coa comunicación, a cultura e o ensino.

Asemade, garantirase o desenvolvemento e cumprimento da lexislación vixente no que atinxe ao emprego da nosa lingua no ámbito institucional e nos procedementos administrativos.

6. Compromiso coa natureza


Os cargos electos, así coma o persoal de confianza e os altos cargos comprometeranse a promover o uso sustentábel dos recursos naturais e o aforro enerxético no exercicio das súas funcións.

As representantes do proxecto político, a nivel institucional e orgánico, como referentes da opinión pública, manterán un comportamento activista no fomento da biodiversidade e na loita contra todo tipo de maltrato animal, consonte aos principios básicos.

As representantes electas e cargos políticos defenderán o compromiso de non empregar recursos públicos no fomento e desenvolvemento de espectáculos nos que se instrumentalicen animais.

Así mesmo, renunciarán a calquera cargo ou función de representación no caso de ser procesadas por delito ambiental ou contra os dereitos dos animais.

7. Compromiso co coñecemento libre


O compromiso co coñecemento libre abrangue a cultura, o software, a tecnoloxía e os estándares abertos, máis a liberación de datos públicos. Ademais das medidas que se establezan no programa, os cargos electos e personal de confianza comprometeranse ao fomento das ferramentas que garanten o coñecemento libre no exercicio das súas funcións.

X