Estás aquí: Inicio » Castelao e Bóveda son patrimonio de todas as galegas e galegos
“Defendemos que Galicia teña os mesmos dereitos que as outras nacións do Estado“. “Estamos aquí logo de que onte uns fascistas insultaran a Castelao, que é insultarnos a todas as galegas e galegos”, dixo Pancho, en Pontevedra, no 84 aniversario do Estatuto de Galicia de 1936.
O acto celebrouse na Praza de Curros Enríquez, a carón da estatua de Alexandre Bóveda. Nel tamén interviron a filla do galeguista, Amalia Bóveda, a cabeza de lista por Pontevedra, Peque Gónzález, e o número dous por Pontevedra, Andrés Núñez Rajoy.
“O noso soberanismo é un acordo pola defensa do dereito da cidadanía galega a decidir sobre todo o que lle afecta. Procuramos o consecuente recoñecemento da realidade plurinacional no camiño de avanzar nun novo modelo confederal”, dixo Casal no inicio da súa intervención. Nesa liña, reclamou para Galicia o mesmo encaixe e recoñecemento no estado que o resto das nacións que o conforman. “Defendemos que Galicia teña os mesmos dereitos que as outras nacións do Estado. Non pode ser que cando se fale de nacións, só se nomee a Cataluña ou a Euskadi. Que iso mude só o podemos reivindicar as forzas políticas con soberanía en Galicia, aquelas que tomamos as decisións exclusivamente en Galicia”, afirmou Casal.
Pancho Casal, criticou que o goberno actual da Xunta use por interese electoral figuras senlleiras do nacionalismo galego: “É indigno que Feijoó se apropie da figura de Castelao. Castelao e Bóveda son patrimonio de todos os galegos”, dixo. Tamén lamentou a actitude doutros partidos que fixeron campaña o sábado en Galicia: “Estamos aquí logo de que onte uns fascistas insultaran a Castelao, que é como insultarnos a todas as galegas e galegos”.
O candidato á presidencia criticou tamén a actitude da Xunta ante o Estatuto de Autonomía de Galicia: “Dentro do Estatuto hai moito que desenvolver pero parece que o señor Feijóo non o coñece. Galicia ten as competencias exclusivas en política industrial. Cada vez que hai unha crise, simplemente miran para Madrid. O estado invadiu completamente as competencias”. “Autonomía e competencia -continuou- implica responsabilidades, pero Feijóo ponse de perfil. Temos claro que o goberno galego non cre no autogoberno. Cando recuperou todas as competencias na crise sanitaria non sabía que era o que tiña que facer”.
Amalia Bóveda pechou o acto lembrando o galeguismo integrador que promovía o seu pai, Alexandre Bóveda: “Unha vez a miña nai preguntoulle ao meu pai que por que estaba na política, e el díxolle: os nosos nenos viven ben, eu quero que todos os nenos de Galiza vivan tan ben como os nosos. Ese é o espírito do galeguismo: vivir ben no noso país”. “Estou aquí -concluiu- para darvos un empurrón e a ver se por fin hai alguén que poida dicir no Parlamento de Galicia: aquí estamos as galegas e os galegos e o país é noso”.