Estás aquí: Inicio » Avante Poio e en En Marea suman esforzos para iniciar en maio o fin do uso e do abuso que fai o PP dos dereitos fundamentais co desmantelamento do público
Ana Seijas, Silvia Díaz e Luís Villares
Avante Poio asinou está mañá o acordo de colaboración con En Marea para as eleccións municipais de maio, mediante o cal o espazo do cambio dará cobertura e apoio á marea, respectando sempre a súa autonomía.
“Constituímonos como Avante Poio porque as forzas que existían non eran suficientes para atender as demandas da cidadanía. E demos un paso ao fronte para artellar unha alternativa rexeneradora que remate coa situación de estancamento que arrastramos desde hai décadas”, indicou Silvia Díaz (Avante Poio). Unha situación de parálise que está deixando de garantir os servizos públicos básicos en Poio, principalmente no eido da sanidade cunha “asistencia sanitaria deficitaria, falta de infraestructuras, falta de persoal e no que non se cobren as baixas”, matizou.
“Non quixemos deixar pasar esta oportunidade de asinar este acordo con En Marea porque é o espazo co que compartimos principios, código ético e obxectivos”, incidiu Díaz.
Pola súa banda, a responsable de municipalismo de En Marea, Ana Seijas, precisou que mediante este acordo En Marea prestará cobertura, axuda loxística, xurídica e de asesoramento a Avante Poio, respectando a súa independencia, e onde ademais, “nos asuntos que superan o ámbito municipal, colaboraremos e cooperaremos para que teñan voz en instancias maiores no que é un acto de relación entre iguais”.
Trala sinatura do acordo, o voceiro de En Marea considerou que “é bo ter ferramentas como un paraugas que ademais de para resgardarse serve para achegar ás persoas. Hoxe achegámonos a Poio que, igual que o país, padece o maltrato sanitario de Feijóo. Este acordo é o inicio do traballo co que en maio comezará o fin desta inxustiza do desmantelamento e a mercantilización dos servizos públicos básicos do país”. Villares concluiu asegurando que para rematar con este “uso e abuso, de facer un negocio dos nosos dereitos fundamentais, a loita ten que empezar no municipal”.
O acto da sinatura do acordo tivo lugar na Casa Ferreirós do concello pontevedrés, e nel participaron ademais mareantes da contorna, e espazos que xa sumaron as súas pingas ao mar para que en maio a marea chegue a todos os recunchos do país.