Estás aquí: Inicio » Asamblea Cidadá Bueu asina con En Marea o acordo de colaboración para devolver as políticas á xente do común nas próximas eleccións municipais do 2019
A Asamblea Cidadá Bueu (ACB) asinou hoxe con En Marea o acordo de colaboración para as eleccións municipais de 2019, e mediante o cal o partido do cambio dará cobertura, apoio e medios á formación da localidade do Morrazo co horizonte 2019 como principal obxectivo.
Coa sinatura, ACB segue o camiño iniciado pola Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas e Lugo Novo que xa traballan baixo o paraugas de EM, formación que seguirá conformando unha rede de apoios e colaboración para as eleccións coa adhesión de novas mareas municipais, se así o solicitan, nos vindeiros meses.
A Sala Amalia Domínguez de Bueu acolleu o acto da rúbrica do protocolo e no que participaron o voceiro de ACB, Xulio Villanueva, o seu compañeiro Xosé Manuel Bacelar, o voceiro de En Marea Luís Villares, e as vicevoceiras Ana Seijas e Victoria Esteban, así como mareantes de todo o país que felicitaron á Asemblea Cidadá Bueu polo importante paso dado para consolidar un proxecto da xente e para a xente.
Villanueva fixo un chamamento á unión fronte ao inimigo común da cidadanía: o Partido Popular. Unha unión que se afianzou hoxe coa sinatura do acordo. Segundo Villanueva éste permitirá “rematar co cancro do PP” e mantén con vida a independencia de ACB que “queremos sexa a voz de Bueu nunha vila gobernada pola esquerda, pero que aplica medidas da dereita como privatizacións ou recortes”.
A vicevoceira de EM, Vitoria Esteban, sinalou pola súa banda que desde que naceu EM en 2015, “as mareas son imparables e están a alagar os concellos”. “EM ten a súa forza nas mareas locais e nelas temos un espello onde reflectirnos porque, desde o principio, o municipalismo, pola proximidade coa xente do común, foi a enerxía que move o motor do cambio”, engadiu Esteban que felicitou a ACB polo importante paso dado e no que EM só é unha ferramenta máis para mudar, dunha vez por todas, as políticas deste país.
“Hoxe ACB súmase ao mar, un mar de persoas, un mar de ilusións para facer das nosas vilas, dos nosos pobos e das nosas cidades máis habitables con políticas para a xente”, indicou a vicevoceira de EM Ana Seijas que precisou que “xuntos traballamos para que medre o mar, para transformar Galicia no país que realmente queremos e no que se solucionen os problemas da cidadanía. Hai Marea e Hai Mareas!!!”, sentenciou.
Trala sinatura do acordo, o voceiro de EM Luís Villares pechou o acto citando a definición de Carl Sagan do universo como un todo diverso xirando ao unísono nun movemento armónico. “Esa é a idea que En Marea quere levar por todo o país”, incidiu o voceiro e apelou a este proxecto republicano de EM, “un proxecto transformador que nos fai realmente distintos e no que primeiro hai que desaprender para aprender de novo”. En Marea, concluiu, “é como o universo de Sagan, como a música que con voces e sons plurais e diversos desenvolve un conxunto único en forma de sinfonía, en forma de república do mar”.
#TecendoMar #HaiMarea