Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de incluír protocolos de protección animal en situacións de emerxencia

Estás aquí: Inicio » Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de incluír protocolos de protección animal en situacións de emerxencia

Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de incluír protocolos de protección animal en situacións de emerxencia

A última vaga de lumes, na que morreron miles de animais no monte, pero tamén en granxas e fogares arrasados polo lume, volveu deixar en evidencia a necesidade de incluír a perspectiva do benestar e protección dos seres vivos nos protocolos de actuación e evacuación en catástrofes deste tipo, pero tamén noutros sucesos de menor escala. Esta mañá o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposta de En Marea, defendida polo deputado Francisco Casal, de avaliar a inclusión de protocolos de actuación ao respecto da protección animal nas actuacións dos Servizos de Emerxencia, como o 112, para activar os medios especializados necesarios no caso de que así fora necesario.

“Diferentes organizacións internacionais emiten, de maneira regular, consellos e propostas para preparar plans de emerxencia con animais no caso de desaloxar unha vivenda, unha granxa ou espazos de especial sensibilidade, como parques zoolóxicos, e os gobernos teñen a obriga de escoitar estas voces” lembrou Casal durante a defensa da iniciativa, que tamén reclama a necesidade de sensibilizar mediante actividades de formación e divulgación, sobre a necesidade de protexer todos os animais domésticos e salvaxes en cautividade, en caso de emerxencia.

A terceira esixencia recollida na proposición non de lei, crear unha bolsa de profesionais, refuxios, centros de recollida e especialistas para respostar neste senso ás ameazas de emerxencia con previsión e capacidade de éxito, foi rexeitada polo PP na votación por puntos.

“Esta perspectiva dos coidados aos animais tamén debe ser coordinada”, lembrou o parlamentario de En Marea,  “para evitar situacións como as vividas en Chandebrito e outras zonas, influíndo na capacidade de acción dos profesionais da extinción. Así, é prioritaria a creación de listaxes e bolsas de medios, tanto técnicos como humanos, aos que recorrer no caso dunha emerxencia”.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

9 − 4 =

X