Estás aquí: Inicio » Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de instar á Xunta a evitar o peche da residencia da terceira idade de Vilanova de Arousa
Familias afectadas seguiron a intervención de Paula Verao dende o Parlamento e entregaron no Rexistro da Cámara 7.000 sinaturas contra o peche
O grupo parlamentario En Marea trasladou esta mañá á Comisión de Sanidade e Servizos Socias do Parlamento de Galicia unha proposta de solución para evitar o peche da Residencia de Maiores Valle-Inclán, de Vilanova de Arousa. A Xunta de Galicia abriu un procedemento de peche definitivo contra esta residencia, dado que a empresa que a xestiona (Servicios Integrales Dos Andando) é diferente á autorizada a prestar o servizo (que era, Viajas Silgar S.A.).
“Non é de recibo que a Xunta nin se aviñese a realizar unha xuntanza con todas as partes implicadas – empresa, persoal, representación do persoal, familiares de residentes, corporación municipal -, tal e como reclamou o Pleno de Vilanova de Arousa por unanimidade”, lembrou a deputada Paula V. Verao na súa intervención, antes de denunciar que “ás familias, a Xunta só lles notificou por carta o peche e pasóuselles unha relación de centros de maiores cos respectivos teléfonos onde solicitar praza, nos que había libres, Monforte, Manzaneda, Barco de Valdeorras”.
Para En Marea “esta situación dános conta tamén da dramática escaseza de prazas públicas en residencias de terceira idade no noso País”, e concretamente “en Vilanova só hai este recurso de residencia da terceira idade e sería preciso dotarse de prazas públicas en residencias para a comarca do Salnés”.
A iniciativa de En Marea, que foi aprobada por unanimidade, foi seguida dende a sala de En Marea no Parlamento galego por unha representación das famlias e da veciñanza de Vilanova de Arousa afectados polo peche do centro residencial. En canto rematou o debate da iniciativa de En Marea, trasladáronse ao Rexistro da Cámara para presentar máis de 7.000 sinaturas recollidas na comarca contra o peche da residencia e por unha solución da Xunta aos usuarios afectados.