Estás aquí: Inicio » Aprobada por unanimidade a iniciativa de En Marea para a defensa da inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico
Antón Sánchez defendeu a importancia estratéxica desta conexión para Galicia, mentres que o Goberno autonómico e o central sempre priorizaron a conexión cunha Meseta despoboada.
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a iniciativa de En Marea instar ao Goberno español á defensa da inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico Ferroviario de Mercadorías dentro do proceso de reforma regulamentaria que se está levando a cabo na Unión Europea sobre as redes de transporte. O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, afirmou na súa intervención que esta conexión ten unha “importancia estratéxica” para Galicia, mentres que os gobernos galego e español “cometeron un erro histórico priorizando a conexión cunha Meseta despoboada”.
Desta maneira, Sánchez indicou que os gobernos de Galicia e do Estado, ademais de apoiar a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico, teñen que poñerse a traballar xa na mellora das conexións entre os portos galegos e da liña ferroviaria con Portugal. “Este proxecto terá que competir despois con outros a nivel europeo polo financiamento, e se non contamos con boas ferramentas, non se vai conseguir”, sinalou.
O vicevoceiro de En Marea tamén afeou as actuacións nos diferentes foros internacionais con competencias na maneira, sinalando que os representantes galegos no Comité Europeo das Rexións, Alberto Núñez Feijóo e Abel Caballero, non presentaron ningunha emenda cando se tratou este tema. “É sorprendente que Feijóo se sumase unicamente a última hora a unha petición que é fundamental para o noso país. Non se pode estar tan despistado”, afirmou. No caso do Goberno español, denunciou que non se realizara ningunha proposta no Consello da Unión Europea celebrado hai dous meses. “Falta que o Executivo central se poña a traballar, temos que dar ese último empurrón”.
Antón Sánchez emprazou ás autoridades portuarias a “deixar de facer a guerra pola súa conta. A política é tamén pensar a medio e longo prazo e Galicia ten que especializar os seus portos e ter unhas infraestruturas competitivas para fomentar a economía produtiva”. Como contraste destacou a situación do porto portugués de Leixoês, que “está competindo porque ten un goberno detrás que planifica o seu futuro, mentres en Galicia non existe un plan de infraestruturas para mellorar a competitividade e as conexións”. “Xunto co artellamento do interior, as cercanías e as conexión entre as cidades, isto ten que ser nos próximos anos un dos principais esforzos para calquera goberno que represente a este país”, finalizou.