Aprobada a iniciativa de En Marea para que a Xunta traballe para garantir os empregos do Banco Pastor que compensen as perdas dos pequenos accionistas

Estás aquí: Inicio » Aprobada a iniciativa de En Marea para que a Xunta traballe para garantir os empregos do Banco Pastor que compensen as perdas dos pequenos accionistas

Aprobada a iniciativa de En Marea para que a Xunta traballe para garantir os empregos do Banco Pastor que compensen as perdas dos pequenos accionistas

A proposición non de lei defendida polo vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, na comisión de economía desta mañá acadou a aprobación por unanimidade dos grupos da Cámara

O Parlamento aprobou por unanimidade a proposición non de Lei de En Marea na que se instaba ao Goberno galego á traballar para que se manteñan os postos de traballo do Banco Pastor en Galicia, garantir o futuro da Fundación Barrié de la Maza e defender os intereses dos pequenos accionistas solicitando á dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, lembrou que no ano 2008, en Galicia funcionaban algo máis de 2.500 oficinas bancarias, entre caixas e bancos, que manexaban uns 50.000 millóns de euros en depósitos e mantiñan uns 70.000 millóns en créditos. Naquela altura o panorama financeiro do país estaba dominado polas dúas grandes caixas, Caixa Galicia e Caixanova, con beneficios superiores aos 200 millóns de euros. Mais existían outras tres entidades financeiras galegas: o Banco Pastor, o Banco Etcheverría e o Banco Gallego.

Coa chegada da crise-estafa o panorama financeiro galego mudou por completo, as dúas caixas desapareceron, e os tres bancos foron absorbidos pola gran banca española xerando un mercado oligopolístico, quedando o noventa por cento do negocio en mans de cinco entidades financeiras. Abanca controla o 40% do mercado, o Santander o 30%, e o BBVA o 10%. Este grao de concentración soamente é superada por Grecia, onde os cinco principais bancos superan o 90%. Pola contra en Alemania, dita cota é do 31%, en Reino Unido do 35% e en Francia e Italia é lixeiramente superior o 40%.

Este proceso de concentración bancaria non foi en balde, e tivo importantes externalidades negativas, promovendo unha forte exclusión financeira na Comunidade e unha redución drástica do emprego no sector como salientou Sánchez na súa intervención. Deste xeito a comezos do 2017, Galicia contaba con 1.599 oficinas, una redución do 36 por cento en 8 anos. Para poder comprender a dimensión de tal fenómeno, pódese indicar que en 1978, existían en Galicia 1.668 oficinas bancarias isto é, 69 oficinas máis que na actualidade. A este fenómeno habería que engadirlle a perda de emprego xerado que, dende que comezou o proceso de reestruturación bancaria, está cuantificado en 6.000 traballadores menos no sector.

“Estas cifras aínda non están tendo en conta a absorción do Popular-Pastor polo Banco Santander, polo que si se lle engaden os futuros efectos da absorción sobre o peche de oficinas bancarias e o despido de traballadores, as consecuencias de todo este proceso de reestruturación bancaria poden ser moito peores” advertiu o vicevoceiro de En Marea no Parlamento.

Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentou unha inicia relativa as actuacións que a Xunta de Galicia debe levar a cabo neste proceso e que foi aprobada por unanimidade. O texto aprobado inclúe os seguintes o seguinte:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1. Manifestar a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado, amosando a firme convicción da Cámara de defender diante do Banco de Santander que o Banco Pastor teña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario, tal e como sucedía na actualidade no grupo Popular-Pastor.

2. Velar porque o cambio na propiedade no Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, e se é o caso, os axustes se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Xunta de Galicia.

3. Solicitar da dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento.

4. Solicitar que o novo propietario, Banco Santander, manteña os compromisos adquiridos co Banco Popular coa Fundación Barrié, para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.

5. Solicitar aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación das últimas ampliacións de capital e emisións de accións co obxecto de determinar se os subscritores contaron con unha información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

five × 2 =

X