Estás aquí: Inicio » Aprobada a iniciativa de En Marea para solicitar a inclusión dunha figura de enriquecemento inxusto ou ilegal no código penal
O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa de En Marea na que se pedía instar ao Goberno central para que se levara a cabo a modificación do código penal, no relativo a inclusión dunha figura xurídica que pretende loitar contra a corrupción, que é a do enriquecemento inxusto ou ilegal. Na súa intervención no pleno do Parlamento a viceportavoz no Parlamento, Carmen Santos, valorou como fundamental impulsar unha reforma do código penal para introducir novas figuras máis sinxelas na súa formulación, que garanta o normal e correcto funcionamento de cargos e empregos públicos que permita combater contra a corrupción e as súas consecuencias sociais e sancione, no ámbito penal, a ilícita obtención de beneficios económicos, de maneira inxustificada de funcionarios, políticos ou servidores públicos.
A viceportavoz concluíu a súa intervención facendo un chamamento a todos os partidos para traballar conxuntamente para mellorar a situación e loitar contra a descomposición do sistema e devolver a dignidade ás institucións e á política. “Sexamos útiles e firmes na loita contra a corrupción sexa de quen sexa, e caia quen caia” rematou Carmen Santos. A iniciativa saíu adiante co apoio de todos os grupos da Cámara galega.
GARANTIR A INDEPENDENCIA DE XUÍZAS E XUÍCES
A iniciativa defendida polo voceiro Luís Villares referida a garantir a independencia de xuíces e xuízas contou tamén co apoio de todos os grupos da Cámara galega. Así o Parlamento de Galicia aprobou solicitar ao Goberno do Estado cambiar o sistema de eleccións das vogais de procedencia xudicial para que sexan escollidos por as xuízas e xuíces, garantir que na elección e nomeamento se asegure de forma efectiva a igualdade de xénero e a presencia das minorías e someter a informe do CXPX o anteproxecto de lei que verse sobre as modificacións na Lei Orgánica do Poder Xudicial segundo o establecido no 561 da mesma.