Antón Sánchez: “O borrador da Lei de Rehabilitación é unha mostra máis da falla de previsión da Xunta de Galiza, que o pretende utilizar como cortina de fume ante o fiasco das políticas de vivenda nos seus anos de goberno”

Estás aquí: Inicio » Antón Sánchez: “O borrador da Lei de Rehabilitación é unha mostra máis da falla de previsión da Xunta de Galiza, que o pretende utilizar como cortina de fume ante o fiasco das políticas de vivenda nos seus anos de goberno”

Antón Sánchez: “O borrador da Lei de Rehabilitación é unha mostra máis da falla de previsión da Xunta de Galiza, que o pretende utilizar como cortina de fume ante o fiasco das políticas de vivenda nos seus anos de goberno”

O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, valorou que a presentación da proposta de Lei de Rehabilitación por parte de Nuñez Feijoo mostra unha vez máis a falla de previsión e a improvisación coa que actúa o seu goberno.

Nada se di desta Lei no proxecto de Orzamentos para o 2018 e tampouco parece coherente coa suposta aposta polas políticas de rehabilitación que o Programa 451A de Fomento da Rehabilitación e da Calidade da Vivenda reduza o seu peso no orzamento pasando de representar o 11,61 por cento do orzamento da Consellería ao 11,23 por cento. “É preciso que na Lei de Rehabilitación e nos Orzamentos se recollan as demandas dos Concellos” salientou Sánchez.

 

Núñez Feijoo tamén di apostar pola cooperación entre administracións , nomeadamente cos Concellos, e sorprendentemente os convenios e subvencións propostos no proxecto de orzamentos 2018 para o Fomento da rehabilitación e calidade da vivenda descenden de 1.442.000 euros a 1.300.000.

“Mal comezamos cando se fan promesas de actuar en 100.000 vivendas e nos Orzamentos a rehabilitación perde peso porcentual dentro da Consellería e non se prevén modificacións orzamentarias coherentes cos obxectivos perseguidos” afirmou Sánchez.

O viceportavoz no Parlamento de Galicia manifesta que “ a Lei non pode servir para amparar os intereses dos lobbies inmobiliarios e pola contra debe de servir para a mobilización do patrimonio construído e para a revitalización e posta en valor dos núcleos históricos e a mellora do espazo xa urbanizado, aspectos estes abandonados nestes 8 anos de goberno Feijoo”.

“Ata o de agora as cifras de execución de vivendas rehabilitadas ou do programa orzamentario dedicado á rehabilitación demostran que o goberno Feijoo foi nefasto para a conservación do noso patrimonio construído” engadiu.

Ata o de agora o modelo defendido dende a Xunta de Galiza foi contrario á preservación do patrimonio construído como o demostra un elemento lexislativo fundamental coma a  Lei do Solo 2/2016 de Galiza aprobada hai ano e medio só, que seguiu apostando por ese modelo no que conviven os centros históricos degradados coa expansión de novos urbanizables que estragan solos con aptitudes agronómicas, forestais, paisaxísticas ou ambientais, sen dar solucións contra o modelo especulativo.

 

Tamén “a aposta orzamentaria pola rehabilitación descendeu de xeito alarmante nestes anos, e as cifras de execución desas partidas sistematicamente se atopan entre as menos executadas, deixando sen investir todos os anos millóns de euros. No ano 2016 o IGVS só executou o 54% (23 millóns dos 42,5 dispoñibles) do presupostado no programa 451A de rehabilitación e calidade da vivenda, na tónica xeral dos seus anos ao fronte do goberno” denunciou.

 

Ata o de agora o modelo do PP en rehabilitación é o de Betanzos onde adquiriu once vivendas en 2010, e das cales só se iniciaron actuacións de rehabilitación en tres.

 

Con estes antecedentes os deputados e deputadas de En Marea anuncian que estarán “moi vixiantes” para que non supoña unha burla máis á cidadanía galega e que este anuncio non se converta nunha cortina de fume máis para tapar a falla de resultados que ofrecer despois de 8 anos no goberno.

“Agardamos que o PP empece por recoñecer erros e escoite as nosas propostas” concluíu.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

6 − one =

X