Estás aquí: Inicio » Acordamos co resto da oposición unha proposta de funcionamento da Deputación Permanente
En Marea e o conxunto das forzas progresistas do Parlamento de Galicia chegamos a este acordo unha vez constatado que o Partido Popular está abusando da situación de alarma e o parlamento disolto para non render contas á cidadanía da acción de goberno, así como negando ao conxunto de forzas políticas o protagonismo colectivo na procura de solucións non só á situación sanitaria, senón ao estado de abandono que sofren as persoas maiores en moitas residencias ou á necesaria planificación de medidas de impulso económico e cohesión social, educativa e de xénero para superar a crise sen que aumenten as desigualdades entre galegas e galegos.
Para nós reivindicar a Deputación Permanente é reivindicar o pluralismo político e polo tanto o protagonismo do conxunto da sociedade na procura de solucións, un papel que foi amordazado e substituído pola presenza constante do Presidente da Xunta nos medios de comunicación, que contrasta coa total ausencia no Parlamento para render contas da súa xestión e someterse ao control político que sería normal se o parlamento non estivese disolto.
A proposta unitaria de funcionamento da Deputación Permanente permitirá, de ser aprobada, a este órgano controlar efectivamente a acción do goberno da Xunta na loita contra o coronavirus, así como propoñer e impulsar medidas para mellorar a situación sanitaria e socioeconómica en Galicia. Entendemos que esta é unha esixencia democrática básica, ante a anomalía dun parlamento disolto. Galicia non pode estar privada indefinidamente desta institución democrática sen que exista un contrapeso real ao poder executivo no noso país.
Ante a incertidume acontecida coa suspensión das eleccións, a proposta contén tamén unha segunda parte que regule o funcionamento unha vez levantado o estado de alarma, que dote á Deputación Permanente do poder real de control da acción do executivo e o protagonismo político do país, que debe recaer na cámara e non no executivo.
Achégase a continuación o texto da proposta rexistrado hoxe na Cámara:
1. Durante a situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria.
1.1. A Deputación Permanente manterá unha reunión semanal.
1.2. O Presidente da Xunta de Galicia comparecerá en todas as reunións que se celebren.
1.3. Comparecerá en cada reunión un conselleiro o unha conselleira do goberno da Xunta de Galicia que se decidirá por acordo dos grupos parlamentarios.
1.4. Cada grupo parlamentario poderá presentar unha proposición non de lei.
2. Superada a situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria e ata a celebración de novas eleccións.
Unha vez determinada a duración desta situación establecerase o número de iniciativas totais, mantendo os criterios de proporcionalidade no reparto de iniciativas que para cada período de sesións se viña utilizando.
2.1. A Deputación Permanente manterá unha reunión semanal.
2.2. Cada quince días a orde do día incluirá preguntas ao Presidente da Xunta de Galicia, seguindo o esquema establecido para os plenos.
Cando non haxa preguntas ao Presidente, haberá unha comparecencia.
2.3. En cada sesión haberá tres interpelacións, que darán lugar ás mocións correspondentes na seguinte reunión da deputación permanente.
2.4. Cada grupo parlamentario poderá presentar unha proposición non de lei.
2.5. En cada sesión haberá nove preguntas ao Goberno que se distribuirán entre os grupos conforme aos criterios establecidos para os períodos ordinarios.