Estás aquí: Inicio » Acceso á vivenda e frear a precariedade e o urbanismo salvaxe, as claves para un turismo sustentable nas Xornadas sobre Problemáticas nos Concellos Turísticos
Que a veciñanza entenda que os espazos públicos son para o seu desfrute, impulsar o transporte público fronte ao privado, favorecer a mobilidade, desestacionalizar o turismo, servizos básicos de calidade todo o ano, poñer fin á precariedade laboral das traballadoras da hostalería ou rematar coa exclusión da poboación autóctona coa creación dun parque público de vivendas protexidas, dun plan de rehabilitación para tódolos concellos ou o establecemento dun rexime de alugueiros accesible tanto para os mozos que se queren emancipar como para os que queren retornar, foron algunhas das conclusións e esixencias da xornada aberta ‘As problemáticas nos concellos turísticos’, organizada por Somos En Marea Sanxenxo e que tivo lugar no Edificio de Usos Múltiples de Portonovo.
A xornada, que comezou ás nove da mañá, contou coa presenza do voceiro de En Marea, Luís Villares, a deputada Julia Torregrosa, Mary Camiña (Somos EM Sanxenxo), Isabel Montenegro (Presidenta de Kellys Unión Galicia), Mónica Díaz (Delegada sindical CIG en Ateneo Coruña) ou Mar Moreira, entre outros que destacaron o feito de celebrar a xornada no concello de Sanxenxo “paradigma do que non se debe facer”.
Na primeira palestra, centrada na precariedade laboral que padecen estes concellos, principalmente no sector da hostalería, os relatores describiron cal é o panorama coa falta de recoñecemento de dereitos básicos, traballos sen contrato, xornadas eternas por menos do salario mínimo interprofesional e sen descansos, ou unha precariedade brutal nas condicións de traballo. Porén, os asistentes concluiron que a solución desta situación pasa polo recoñecemento dunhas condicións de traballo dignas que é sinónimo dun turismo de calidade.
O urbanismo turístico salvaxe e o acceso á vivenda nestes concellos centraron a segunda parte da xornada e na que os relatores fixeron unha radiografía bastante desoladora na que lobbies e especuladores no último que pensan é no benestar da veciñanza e dos turistas. “Hai que cambiar a mentalidade da xente para que non deixe nas mans dos especuladores os espazos públicos porque estes son para o seu desfrute”. Nas conclusións, os participantes desta xornada apostan pola creación dun ambente no que o turista estea cómodo para que a veciñanza estea cómoda tamén. E, que é necesario mudar todas as políticas urbanísticas que están a crear desigualdades, precariedade, impedimento de acceso a un dereito como é a vivenda e destrozando o medio natural; é dicir, o obxectivo é apostar por un urbanismo sostible en tódolos eidos.
No que atinxe ao acceso á vivenda, nestes concellos onde o prezo da mesma se dispara e a veciñanza ten que marchar, os participantes na xornada concluiron que a solución pasa pola creación dun parque público de vivenda, dun plan de rehabilitación en tódolos concellos ou o establecemento dun rexime de alugueiro que permita o acceso ás mozas e aos mozos que se queren emancipar, aos que tiveron que emigrar ou aos propios veciños que tiveron que marchar.
Neste sentido, Luís Villares, que clausurou a xornada, precisou que “estamos a vivir unha nova burbulla inmobiliaria e isto parécenos gravísimo e a Xunta deberá atender isto”, para iso En Marea está a loitar no Parlamento para “se melloren os programas de rehabilitación de vivenda, aos que só poden acceder 41 dos 313 concellos; a creación dun parque público de vivenda ou o fomento da vivenda protexida. No último ano, segundo os últimos datos, só o 0,19 por cento das vivendas edificadas en Galicia foron vivendas protexidas e a nós iso parécenos alarmante” denunciou o voceiro de EM que tamén reclamou o recoñecemento dunhas condicións dignas para as traballadoras da hostelería, o que a súa vez supoñería un turismo de calidade.