Estás aquí: Inicio » A Xunta nega información a En Marea sobre os gastos das viaxes institucionais
O goberno non facilita nin a contía total nin o desglose por conceptos das visitas realizadas a París, ós Azores ou a Arxentina e Uruguai
Santiago, 19 de abril de 2018.- O grupo parlamentario de En Marea quere que o goberno galego aclare o custo das viaxes internacionais realizadas por distintos cargos da Xunta de Galicia a París, ós Azores, a Arxentina ou a Uruguai durante os últimos anos. A formación critica a deliberada ocultación por parte do executivo de Núñez Feijóo dunha información que xa lle fora solicitada por escrito no mes de xaneiro; e cualifica de “burla inaceptable” a resposta recibida esta mesma semana.
“No que respecta ao custo por desprazamento, foi o imprescindible para levar a cabo o programa previsto”. Con esa fórmula liquida o goberno galego as explicacións sobre os gastos realizados por cargos do goberno galego en viaxes institucionais que lle tiña solicitado o grupo parlamentario de En Marea.
O 31 de Xaneiro a formación interesouse polos desprazamentos internacionais realizados entre 2016 e 2017 por membros do executivo autonómico. O grupo parlamentario quería saber o desembolso económico que estes tiñan suposto; os distintos conceptos aos que se destinara o gasto; e tamén a avaliación do goberno en relación co cumplimento dos obxectivos acadados con esas viaxes.
“A Xunta contestou por escrito o 17 de Abril deste ano obviando as preguntas que fixo este grupo. Nin relación de membros que participaron na viaxe, nin contía dos gastos por concepto. É mais: a Xunta, nun exercicio de opacidade inexplicable, salvo que traten de ocultar algo, búrlase dos lexítimos representantes da cidadanía na Cámara galega”. Así o indica En Marea, que volverá reclamar esta información, desta volta a través do pleno do Parlamento. “Queremos saber cal é o motivo polo que a Xunta de Galicia se nega a actuar coa debida transparencia neste asunto”, conclúe a formación.