Estás aquí: Inicio » A Xunta confirma a En Marea que non vai cubrir a praza de pediatra eliminada no centro de saúde de Aldán
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou a grave situación de masificación no servizo de pediatría que están a sufrir o concello de Cangas despois de que a Consellería de Sanidade eliminase a única praza de pediatra do centro de Saúde de Aldán e outra no de Cangas, o que deixou o concello con dúas profesionais para atender a máis de 3.500 menores.
Na súa intervención Eva Solla denunciou a falla de recursos na Atención Primaria como consecuencia das políticas de recortes e da nula vontade política de reverter as mesmas ante a suposta recuperación económica que anuncia o Goberno. “As políticas de recortes no investimento público, a precariedade nas contratacións e a falta dunha boa planificación provocan especial repercusión na falta de profesionais, situación que impide dar unha cobertura de prazas axeitadas” asegurou a deputada de En Marea.
Esta falta de pediatras esta directamente relacionada cunha mala xestión do Goberno galego de Núñez Feijóo, que demostra incapacidade de reacción ante esta situación como puxo de manifesto Eva Solla. “O caso da perda dunha praza no Centro de Saúde de Aldán, é unha mostra máis de como esta situación esta deteriorando pouco a pouco xa que provoca un aumento da ratio de cartillas e unha masificación de cupos” incidiu.
Ante esta situación o grupo de En Marea presentou unha pregunta ao Goberno na comisión de Sanidade desta mañá no Parlamento para saber se consideraban axeitado o número de cartillas que terán que asumir os pediatras do concello de Cangas para dar unha asistencia sanitaria de calidade e que pensa facer para arranxar a masificación despois da perda un pediatra. A resposta por parte do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, deixou en evidencia a falla de vontade por parte da Consellería de repoñer a praza eliminada en Aldán e polo tanto, manter a situación de masificación.
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea remarcou o apoio do seu grupo ás nais e pais na súa recollida de sinaturas para poñer fin a esta situación e comprometeuse en seguir a traer ao Parlamento as súas demandas ata lograr que se repoña a praza de pediatra en Aldán.