A Marea Feminista fai un chamamento á mobilización ante un novo caso de violencia machista, que non cesa. Este mesmo luns coñeciamos que se está investigando como crime machista o asasinato dun matrimonio en O Porriño (ambos apareceron con disparos de escopeta). O matrimonio estaba en proceso de divorcio e o pasado luns ían asinar os papeis. Puxeran fin á súa convivencia fai unhas semanas. Teñen dous fillos, de idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos.
Esta non é unha situación puntual: É habitual que se dea un pico de risco para as mulleres ao interpoñer denuncia, ao pretender cesar a convivencia, rachar os vinculos…
Ata agora, ningunha administración conseguiu paliar/erradicar o máis mínimo a violencia machista, en calquera das súas expresións. Nomeadamente, os gobernos da dereita adoitan empregar medidas de cara á galería, pero cun nulo obxectivo real de rematar con estas situacións. A modo ilustrativo: O Pacto de Estado contra a violencia de xénero asinado polo goberno do PP prometía 200 millóns por ano en cinco anos. Neste primeiro ano constátase que non se toma en serio: coa maioría das medidas sen aplicar e un orzamento de 80 millóns, as previsións non son moi alentadoras.
Na Xunta, Feijoo ven de manifestar que “se comprometeu cos galegos ata 2020 e non lles vai fallar”. Supoñemos que ese compromiso, alén de ser de cartón pedra, é so cos galegos, porque as galegas semella que moito non lle importamos, ou iso demostra a falta de eficacia das súas políticas de prevención, das medidas de protección ás vítimas e do desenvolvemento de políticas de carácter transversal en tódolos ámbitos da sociedade galega…
Dende a Marea Feminista (En Marea) seguimos comprometidas e traballando para acadar unha maior igualdade, unha maior eficacia nas políticas e accións contra a violencia machista… E facemos un chamamento a participar nas concentracións de mañá 20 xuño por todo o país polo asasinato machista de María Magdalena Moreira en O Porriño.
Non nos resignamos, porque nos vai a vida nelo!
#QuerémonosVivas #QuerémonosLibres
Hai Marea!
