Estás aquí: Inicio » A Marea Feminista denuncia a complicidade social co machismo
Verónica poñía fin á súa vida o pasado sábado despois do acoso laboral, social e a indefensión sufrida na empresa na que traballaba despois de viralizarse un vídeo de contido sexual que gravara facía anos.
Dende a empresa, IVECO, sendo coñecedores da situación, desde o 23 de maio, non activaron o protocolo de prevención do acoso, cualificando o acontecido, como “un asunto persoal, non de ámbito laboral”, segundo o informado polos sindicatos. Estas actuacións contémplanse como acoso sexual, polo que se deu un incumprimento da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e da
normativa de prevención de riscos laborais. A empresa sabíao e non avaliou o risco nin tomou medidas preventivas, incumprindo presuntamente a Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais.
O Código Penal castiga con penas de entre tres meses e un ano de prisión a difusión de imaxes privadas sen autorización da persoa afectada cando se viole gravemente a súa intimidade. Cada unha das persoas que enviou ou reenviou o vídeo pode enfrontarse a un delito contra a intimidade. A Fiscalía abriu unha investigación para clarificar o acontecido. Dende a Marea Feminista cremos que tal vez xuridicamente esas persoas implicadas non sexan cómplices, pero moralmente si o son: é unha cuestión de responsabilidade persoal, non ten cualificativo o comportamento de todas esas persoas que viron o vídeo, que o difundiron, que o reenviaron á súa vez, e que acosaron á vítima acudindo ao seu lugar de traballo para ver quen era, etc. e non fixeron nada por rematar con esa situación.
Cómpre preguntarse en que sociedade machista e cómplice vivimos e nos relacionamos, e como perpetuamos os roles. Hai que repensar que sociedade queremos.
Verónica ten dúas fillas. Dúas mulleres ás que lles haberá que explicar por que a súa nai se quitou a vida. Dúas mulleres ás que lles custará crer nunha sociedade que é quen de mirar cara outro lado ou culpar á vítima mentres pasa algo tan dramático. Non é a primeira vez que unha muller se suicida por este motivo, e tristemente non será a última.
Outra vez sae á palestra o tan manido “asunto persoal”. Outra vez, de nada valen os numerosos estudos nacionais e internacionais de gobernos, institucións e organizacións que confirman dende fai tempo a violencia sexual e o ambiente machista co que convivimos as mulleres no noso día a día, tanto en entornos de lecer como laborais.
Outra vez perdemos a outra compañeira sabendo que foi o machismo quen lle quitou a vida, a inacción da empresa, que nin tan sequera soubo activar unha medida cautelar, sabendo que a sociedade segue consentindo e participando da violencia machista, desa violencia estrutural coa que as mulleres convivimos. Ata cando??!! BASTA XA!!!