Vimos de coñecer que a Audiencia de Navarra decretou a posta en liberdade provisional para “La Manada” (os cinco homes condeados a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha moza durante os Sanfermines de 2016) ao estar a piques de expirar o prazo máximo de dous anos estipulado para a prisión provisional.
Isto ocorre despois de que o tribunal rexeitase ata en tres ocasións a súa posta en liberdade provisional alegando risco de fuga e de reiteración delictiva cun voto particular en contra, non estimando agora que se dean esas circunstancias de risco.
Dende a Marea Feminista somos conscientes do carácter provisional das medidas cautelares, agardando que cando a sentenza sexa firme ingresen en prisión para cumprir a pena imposta, como acontece noutros casos con calquera persoa condeada.
Xa nos posicionaramos en contra da propia sentenza, considerando inadmisible, á vista dos feitos probados, que non se aprezase violencia para que a condea fose por violación, sendo unha sentenza que da conta do rancia e machista que segue sendo a xustiza.
Este caso tamén nos amosa a lentitude dun sistema que en dous anos non é quen de ditar unha sentenza firme, deixando ás vítimas nunha situación de absoluta indefensión e vulnerabilidade.
Dende a Marea Feminista entendemos que tanto as violacións como os feminicidios son terrorismo machista, e debérase valorar a ampliación da prision provisional en todos eles, pois é innegable a alarma social que xeran e a desprotección á que someten ás víctimas en particular e á sociedade en xeral.
Se ben os retrasos da xustiza non son culpa da persoa condenada, compre ter unha visión máis ampla do ámbito do que estamos falando: onte mesmo o movemento feminista saíamos á rúa para amosar a nosa repulsa ante outro asasinato machista, porque non son casos illados, é o patriarcado, e día a día as mulleres seguimos sendo vítimas de abusos, agresións, asasinatos… polo mero feito de ser mulleres.
Non nos resignamos. Queremos unha xustiza xusta e áxil.
#QueremonosVivas #QueremonosLibres