Estás aquí: Inicio » A Marea Feminista condena o triple asasinato machista de Valga
O machismo mata seguido, sen descanso, por iso nos declaramos en emerxencia feminista. Hoxe temos que lamentar o asasinato de tres mulleres do concello de Valga, asasinadas polo mero feito de ser mulleres, asasinadas diante dunhas crianzas que presenciaron como lles roubaban a vida á súa nai, á súa avoa… Crianzas ás que lles haberá que explicar que o feminismo nunca asasinou a ninguén, mentres o machismo que pervive por todos os recunchos da nosa sociedade mata todos os días. Crianzas ás que haberá que ensinar que somos moitas as que non nos resignamos, que somos moitas as que loitamos por rematar co machismo estrutural, que fronte ao medo e á escuridade, para que nunca se repitan sucesos coma este, faremos violetas todos os días e todas as noites que fagan falla. Non nos resignamos, porque nos vai a vida nelo.
Raro é o día que non hai unha nova sobre algunha agresión, ameaza ou vulneración de dereitos cara as mulleres. Nos últimos anos, máis de 1000 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. A conclusión é clara: o machismo mata, mais os asasinatos de mulleres son a punta do iceberg, o que máis se ve, pero son moitas as condutas, accións, omisións, etc. que tamén son expresións das violencias machistas e reflicten que a desigualdade existente entre mulleres e homes segue presente na nosa sociedade, dende unha base estrutural: os esquemas machistas e patriarcais que inda imperan na nosa sociedade.
Estas desigualdades maniféstanse en múltiples ámbitos e contextos, sendo nalgúns casos máis evidentes e noutros máis sutís ou invisibilizadas, inda que non de menor importancia. A violencia machista non cesa, pero na época estival, recúrtanse inda máis os recursos neste ámbito: non se cubren as prazas nos xulgados de violencia, prescíndese de persoal de apoio e protección para as vítimas…. Queda moito por facer para chegar á igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Rematar coas discriminacións e a desigualdade entre mulleres e homes non é so un deber ético, senón tamén un compromiso inaprazable ou débeda histórica coas mulleres, no que tódalas institucións e axentes implicados teñen que participar activamente, asumindo un rol activo na loita contra a desigualdade e a prol da equidade.
É preciso denunciar as desigualdades, discriminacións e violencias estruturais que sofre máis da metade da poboación (as mulleres), e reivindicar un novo modelo.
A igualdade tamén debe rexer a acción política para avanzar nunha sociedade máis igualitaria e inclusiva. É unha cuestión esencial que nos concirne a todas e todos, pois todas e todos estamos implicadas na tarefa cultural e educativa de despatriarcalizar a nosa sociedade, en todo momento.
Dende a administración cómpre actuar en mùltiples ámbitos e, nomeadamente por casos coma estes onde crisnzas quedan orfas, reforzar os programas de atención psicolóxica ás e aos menores vítimas.