Estás aquí: Inicio » A Marea Feminista amosa total e absoluto apoio ás vítimas da violencia machista, hoxe 25 de novembro e todos os días do ano
Un ano máis, dende a Marea Feminista manifestamos o noso total e absoluto apoio ás vítimas da violencia machista, non so hoxe por ser 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, senón todos os días do ano.
Sabemos que queda moito por facer, pois a violencia machista é estrutural e afecta a todos os ámbitos nos que participamos: non só estamos expostas ás súas manifestacións máis letais (os asasinatos), senón que a feminización da pobreza, a precarización das nosas condicións laborais, os teitos de cristal, a cultura da violación ou os roles de xénero hexemónicos que limitan a nosa capacidade de decisión, por citar algúns exemplos, son tamén formas de violencia coas que todas convivimos.
Cómpre ter presente que cada vez que se agrede á nai dunha crianza, esta tamén é agredida, pois tamén son vítimas da violencia machista, inda que en demasiadas ocasións se tomen decisións que as deixan en situacións de desprotección, vulnerando os seus dereitos, sen que prime o interese superior do/a menor ao non afastalo/a de quen agrede á súa nai.
En 2017 as denuncias vencelladas coa violencia machista en Galicia chegaron ao seu máximo histórico, contabilizándose 6.436.
Para facer fronte é violencia machista, entre outros moitos aspectos, o emprego é un recurso clave, ao constituírse como un dos elementos que nos empodera transversalmente, incrementando a nosa autonomía, independencia e autonestima. O 71% das mulleres destacan o paro e as situacións de precariedade como principais freos para denunciar. Este dato constátase co da Fundación Adecco, que asegura que o 81% das vítimas de violencia machista atópanse desempregadas ou na economía mergullada.
Para rematar coa violencia machista, dende a Marea Feminista seguimos esixindo:
-A dotación de recursos reais por parte das Administracións (non é de recibo que, en relación a fai unha década, o investimento relacionado co fomento da igualdade e a prevención da violencia machista se reduza nun 44% nos orzamentos da Xunta de 2019).
-O desenvolvemento e cumprimento da lexislación neste tema, noemadamente, de todos os puntos da Lei 11/2007, de 27 de xullo, Galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
-Integrar a coeducación nos centros de ensino, incorporando a perspectiva de xénero nos plans de estudo.
-Formación en igualdade e violencia machista –obrigatoria e específica- para o conxunto de profesionais implicados/as e que interveñan no proceso educativo, xudicial, etc. (docentes, xudicatura, forzas de seguridade…).
Dende a Marea Feminista animamos a todas e todos a participar nos actos que teñen lugar ao longo do país con motivo do 25 de novembro.
#QuerémonosVivas #QuerémonosLibres