Estás aquí: Inicio » ‘A Galicia de Todas’ será o noso lema para o 25 de xullo, Día da Patria; e esta fin de semana organizamos a Escola de Verán, Unitaria, en Pontevedra
O coordinador de En Marea, Gonzalo Rodríguez, presentou hoxe a programación dos actos para o próximo 25 de xullo, Día da Patria; e tamén da Escola de Verán de En Marea, Unitaria, que se desenvolverá o 21 e o 22 de xullo no Café Moderno de Pontevedra.
O lema que usará EM para as celebracións do Día da Patria será ‘A Galicia de Todas’, porque “queremos que sexa unha patria de todas, unha patria de acollida e acolledora, unha patria que mire cara o futuro, unha patria que sexa diversa e integradora. Queremos que sexa un día de celebración da diversidade e da inclusividade, e nese sentido a nosa celebración se vai basear en tres puntos crave: xantar, música e humor”, aclarou o coordinador de EM.
A celebración comezará ás 13.30, no parque de Vista Alegre de Compostela, cunha sesión vermú e cun concerto de Najla Shami, no que é “unha desas formas de celebrar o que nós somos, pero tamén o que son os outros, buscando un espazo de integración das culturas”.
O portavoz do espazo do cambio, Luís Villares saudará brevemente aos asistentes ás 14.55 horas. A partir das 16.30, Peter Punk desenvolverá a súa actuación ‘Peor Imposible’ pensada principalmente para o público infantil “porque a Galicia de Todas ten que ser unha Galicia que mire cara o futuro e que conte cos nenos e as familias. A idea é que a xente se achegue ao longo do día, faga cousas, desfrute, celebre e que vexan tamén o que nós facemos”, explicou Rodríguez.
Ás 17.45 será a quenda dun mitín cómico sobre a confluencia “co que trataremos de rirnos de nós mesmos, que fai moita falta, relativizar nosas ideas e a nós mesmos; tomar un pouco as cousas con filosofía”. As 18.15, A Poesía de Todas, “un pouco de poesía da clásica ata a máis moderna”. E ás 19.15 pecharemos o acto con Pesdelán e cantando o himno galego. “Queremos pechar o 25 de xullo cantando e bailando todas xuntas”, dixo o coordinador de EM.
Ademáis, ao longo do día haberá xogos e animación infantil, e se instalará de novo a Árbore dos Desexos, “onde todas as persoas que pasen, poderán compartir con nós ou con outros esa Galicia que queren, esa Galicia que soñan. Pensamos que Galicia ten que mirar cara o futuro e o Día da Patria ten que ser unha celebración do futuro e desta diversidade”, precisou.
Pero antes, os próximos días 21 e 22, o Café Moderno de Pontevedra acollerá a Escola de Verán de En Marea, Unitaria. “Queriamos facer unha homenaxe a estas escolas que son elementos imprescindibles para a vida en moitas zonas do rural. A escola é un elemento de vida, un elemento de sustento. Son escolas con poucos alumnos, e que atenden moito a esa educación personalizada, adecuada ás características de cada neno, integradora que traballa os valores non só os contidos”, dixo Gonzalo Rodríguez durante a rolda de prensa antes de puntualizar que “é o modelo educativo no que nos referenciamos. Un dos modelos educativos máis agredido, porque son as típicas escolas que o Partido Polular aproveita, á máis mínima ocasión, para pechar”, denunciou.
Unitaria, é unha homenaxe a ese modelo educativo. “Queremos aprender tamén dese modelo educativo de aí o nome da Escola de Verán: seguir reflexionando, engadir ideas novas, debater sobre esas novas ideas e sobre nós mesmos”.
Durante as dúas xornadas os ámbitos do debate se centrarán na política municipal (que políticas querermos facer nos concellos, como as podemos facer, aprender das que se están a facer, e aprender de xente que ven das universidades e doutros lugares, e que trae ideas novas sobre o que pode ser feito. Tamén queremos aprender e reflexionar sobre a propia confluencia, pensar onde estamos, onde queremos ir, como podemos ir, e pensar tamén no escenario para as eleccións Europeas. Tanto política municipal como confluencia e eleccións Europeas serán os grandes temas que abordaremos na Unitaria.
“O que buscamos nestas xornadas é un proceso de debate aberto, de dispoñer as ideas, de reflexionar, de afondar esas ideas, de seguir aprendendo, e de, a través desa capacidade de aprendizaxe seguir tendo capacidade de innovar. O diálogo e a aprendizaxe son dous aspectos que queremos salientar especialmente nestas xornadas” concretou Gonzalo Rodríguez.
Ademais das charlas centradas nestes temas, durante os dous días está programada unha visita ao Museo de Pontevedra, un roteiro por Lourizán/ Praceres contra ENCE e as múltiples agresións ás que está sometido este barrio pontevedrés; xantar, cea e Cantos de Taberna, entre outras actividades.