Estás aquí: Inicio » A Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aproba a inclusión da liña Vigo-Porto no Corredor Atlántico
A Comisión de Transportes do Parlamento Europeo acaba de aprobar a inclusión da liña Vigo-Porto no Corredor Atlántico ferroviario, unha reclamación que En Marea levou ao Parlamento de Galicia a través dunha Proposición Non de Lei, así como con iniciativas en todas as institucións nas que participa para rematar co illamento ferroviario do país co exterior e, particularmente, favorecer as conexións de transporte co norte de Portugal. A aprobación nesta Comisión é un primeiro paso cara á inclusión definitiva desta liña entre as inversións prioritarias de Europa e, ao tempo, garante tamén nunha porcentaxe moi alta que o Parlamento Europeo aprobará esta mesma inclusión. Antón Sánchez, vicevoceiro parlamentario de En Marea, sinalou que esta era unha “noticia moi importante para as melloras de comunicación de Galicia, unha medida que defendimos desde En Marea e que nin a Xunta de Feijóo reclamou en Europa, o que significa un desleixo por parte do goberno autonómico e do seu presidente”.
O vicevoceiro do grupo parlamentario sinalou que desde En Marea “fixemos un traballo para conseguir que este trazado formase parte do corredor, un traballo dificultado porque a Xunta de Galicia non fixo nada para conseguir esta inclusión”. Sánchez precisou máis respecto da falta de acción da Xunta e do Concello de Vigo neste sentido: “Tanto Feijóo como Abel Caballero forman parte do Comité europeo de rexións, e nesa instancia e nas alegacións presentadas tanto pola Xunta como por Vigo non se incluía ningunha que solicitase a incorpración deste tramo ao Corredor atlántico”.
A aprobación por parte da Comisión de Transportes do Parlamento Europeo desta conexión ferroviaria Vigo-Porto supón un importante paso adiante, tralo que En Marea confía en que o Parlamento Europeo proceda a darlle aprobación definitiva. Segundo Antón Sánchez “esta noticia achega a incorporación do trazado ao Corredor atlántico, o que suporá orzamentos europeos para a modernización dunha liña que entendemos como importantísima para Galicia”. Sánchez precisou que a aprobación en Comisión “ofrece moita seguridade para que no futuro esta inclusión sexa aprobada de xeito definitivo no pleno Parlamento Europeo”.