Estás aquí: Inicio » A Comisión de Garantías levanta a suspensión temporal da votación ao Consello das Mareas
A comisión de ética e garantías de En Marea levanta a suspensión temporal do proceso de votacións ao Consello das Mareas, nunha decisión que se tomou por maioría co voto en contra de Manuel Nogueira.
Garantías aclarou que esta mañá recibiron dous comunicados. Un do comité electoral,no que aportaba os locais de votación e no que explicaba que estaba en condicións de instar á Coordinadora para que avise a todas as inscritas que poidan e queiran organizar os mesmos. Ademáis, o comité electoral contactará coas inscritas que participaron como voluntarias no pasado, por se queren volver a participar neste proceso de votacións.
O outro comunicado foi da Coordinadora. Nel convidaba á comisión ética e de garantías a participar nun simulacro de voto na nova plataforma e que se realizou a partir das 15.30 horas de hoxe. Na proba participaron membros do comité electoral, de ambas candidaturas e da comisión de garantías. Nesta simulación, incluíronse nas papeletas electrónicas os nomes de todos os integrantes das candidaturas, o sistema de validación por SMS e probouse a votar de novo, “máis non foi posible”, confirmando que o sistema non permite repetir o voto.
Polo tanto, a comisión de garantías entende “que se dan as condicións de seguridade con plenas garantías para levar a cabo a votación e levanta a suspensión temporal do proceso de votación ao Consello das Mareas”, anunciaron esta tarde Cristina Pérez, Chema García e Adrián Acción.
A partir deste momento o comité electoral poderá trasladar a lista definitiva dos locais de votación á coordinadora para que se publiquen na páxina WEB de En Marea. Tamén poderá programar un simulacro final de voto coa papeleta electrónica definitiva, e no que poidan participar todas as interventoras de todas as listas que concorren se así o estiman convinte.