Estás aquí: Inicio » A Autoridade Portuaria de Vigo reclamou ao concello sobre o pavimento pero non sobre a estrutura no espazo de O Marisquiño
A Autoridade negou á comisión parlamentaria a documentación relativa as súas reclamacións ao concello, En Marea reclamou a través de Transparecencia e presentou os documentos no Parlamento de Galicia
Santiago, 1 de febreiro de 2018.- A Autoridade Portuaria reclamou ao Concello de Vigo sobre a situación do pavimento no espazo no que ía celebrarse O Marisquiño, pero non chamou a atención, nin reclamou, nin mencionou a situación na que se encontraba a infraestrutura de soporte dese espazo. Así se deduce da documentación obtida por En Marea das comunicación entre autoridade e concello e que inicialmente foi denegada pola propia autoridade, tendo que ser reclamada de novo pola formación a través de Transparencia. A documentación foi aportada á comisión polo voceiro de En Marea, Luís Villares, na comparecencia do presidente da AP de Vigo, Enrique López Veiga.
As reclamacións realizadas polo Autoridade Portuaria de Vigo ao concello sobre o espazo no que se ía celebrar O Marisquiño teñen que ver co estado do pavimento dese espazo pero non coa estrutura que soporta ese pavimento. A autoridade remitiu escritos reiterados ao Concello de Vigo explicando a situación do pavimento, madeiras, e do que isto supuña desde o punto de vista do riscos para os peóns e da imaxe que ofrece a cidade á veciñanza e cos turistas da situación do paseo das Avenidas
A autoridade enviou varios escritos, incluíu reportaxes fotográficas de baches, madeiras, barandas en mal estado, pero en ningún caso se referiu á estrutura que soporta unha parte dese espazo e que logo había de derrumbarse durante a celebración de O Marisquiño. A autoridade portuaria alegou que advertira ao Concello de Vigo sobre a mala situación da zona, pero esa advertencia só se refería aos elementos de superficie e en ningún dos escritos dirixidos ao concello se menciona a infraestrutura do lugar.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, explicou esta situación na comisión parlamentaria de investigación do Marisquiño, como resposta á intervención do presidente desa institución, Enrique López Veiga. Villares explicou tamén na mesma comisión como a Autoridade Portuaria que preside o exconselleiro da Xunta denegou esta mesma documentación cando foi requerida desde o parlamento, ocultando que a súa reclamación ao concello vigués non se referira en ningún caso á infraestrutura afectada.
O voceiro de En Marea tamén sinalou que houbo que recorrer ao Consejo de Transparencia para que a institución que preside López Veiga accedese a entregar unha documentación que xa tería que obrar en poder da comisión antes da comparecencia deste presidente.